Noticias

A Deputación de Pontevedra remata as obras de mellora da piscina do Pombal en Cambados "agora sí, unha piscina do século XXI"

As obras, nas que se investiron 1,5 millóns de euros, serán recepcionadas nos próximos días polo Concello de Cambados


03 maio 2019
Carmela Silva

As obras de mellora e actualización da piscina climatizada no complexo polideportivo do Pombal, en Cambados, acaban de rematarse e nos próximos días o Concello de Cambados poderá recepcionar os traballos. "É unha nova moi importante para a Deputación de Pontevedra e é algo que estabamos desexando poder contar, sobre todo ás veciñas e veciños do Salnés, e de Cambados en particular", manifestou a presidenta provincial, Carmela Silva.

 "Son unhas obras que supoñen para Cambados que a súa cidadanía poida contar, por fin, cunha piscina do século XXI. Non quero facer historia de como era o proxecto que nos atopamos, un proxecto que ía incumprir as leis galegas sobre climatización, un proxecto que era máis ben un invernadoiro e que era unha obra que realmente avergonzaría a calquera administración". Fronte a esta obra, Silva explicou que agora "o que realmente vai haber en Cambados é unha piscina do século XXI, unha piscina adaptada á dignidade que merecen as nosas veciñas e os nosos veciños".

Tal e como lembrou a presidenta, os traballos de mellora e actualización na piscina climatizada e anexos no complexo do Pombal foron unha actuación de grande envergadura, cun investimento total de máis de 1,5 millóns de euros, financiados case de xeito íntegro pola Deputación de Pontevedra. O Goberno provincial investiu algo máis de 1,4 millóns de euros a través do convenio de colaboración asinado entre Deputación e Concello e posteriores addenda e modificados, así como 104.650 euros a través do Plan Concellos 2019 mediante solicitude do Concello de Cambados. Pola súa parte, o Concello de Cambados achegou 51.000 euros correspondentes á súa aportación a través do convenio inicial asinado.

Audios

  • Audio