Noticias

A Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa cultura coa aprobación de dúas liñas de subvencións por valor de 280.000 euros

A Administración provincial apoia a participación de artistas en festivais, certames e concursos de música e baile internacionais cunha nova liña de subvencións


29 febreiro 2020
Subvencións cultura

A cultura volve ser protagonista nas políticas públicas emprendidas desde a Deputación de Pontevedra. A Xunta de Goberno Provincial aprobou as bases de dúas liñas de subvencións  destinadas a impulsar o sector cultural. Unha delas é de nova creación e nace para apoiar a participación en festivais, certames e concursos de música e baile no ámbito internacional, para o que se estableceu un importe de 30.000 euros. A outra está destinada á realización de actividades culturais e conta cun importe de 250.000 euros. En palabras de Carmela Silva, "a Deputación de Pontevedra é a gran promotora da cultura na nosa provincia, porque a cultura promóvese con programas e con recursos e non con ‘blablablá'".

A primeira destas subvencións ten por obxecto promover, fomentar e difundir a música tradicional galega nas súas variadas e múltiples vertentes e estilos. Está destinada ás entidades sen fins de lucro da provincia que vaian participar en festivais, certames e concursos de ámbito internacional.

Tal e como comentou Carmela Silva, "moitas entidades culturais da nosa provincia están invitadas a participar en actividades que se desenvolven noutros lugares, coma, por exemplo, o Festival de Lorient. Isto supón uns gastos moi elevados para as asociacións, que moitas veces teñen serias dificultades para poder ir". A presidenta da Deputación recoñeceu que para a institución provincial "é moi importante que todas as entidades da provincia poidan ter a oportunidade de participar nestas cuestións de carácter internacional porque nos permiten estar presentes e promocionar a nosa cultura, que tamén é un elemento de atracción de cara á provincia".

No que respecta ás subvencións para a realización de actividades culturais, poderán ser obxecto de financiamento aquelas que poñan en valor o patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas coma os seus costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos, así como os festivais, mostras, encontros e certames culturais. Ademais, tamén o poderán ser os certames e actividades de posta en valor da pintura, escultura e arquitectura, ademais doutras cuestións que teñen que ver coa potenciación do noso patrimonio cultural.

"Para que entendamos a importancia deste programa, o dato do ano 2019 é esclarecedor: destinamos un total de 208 subvencións a distintas entidades da totalidade dos concellos da provincia. Isto significa que a Deputación de Pontevedra é a que permite que non só os concellos, senón tamén as entidades da provincia, poidan desenvolver programas culturais", apuntou Carmela Silva. A presidenta tampouco se esqueceu do programa "Pontegal", "un dos grandes recursos que teñen as entidades desta provincia".

Audios

  • Audio