Noticias

A Deputación de Pontevedra reafirma o deporte como una das súas grandes liñas de acción na presentación do Trofeo Luis Otero

Carmela Silva, salientou a sexaxésima edición do torneo, que enfrontará ao Pontevedra CF e o Racing de Ferrol o día 24 en Pasarón, e desexou que a nova tempada sexa "aínda mellor que a pasada" para o conxunto granate


19 xullo 2019
Presentación del Trofeo Luis Otero

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reiterou que o deporte "vai seguir sendo unha gran liña de acción" da institución provincial na presentación da sexaxésima edición do Trofeo Luis Otero, que tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial e na que estivo acompañada da presidenta do Pontevedra CF, Lupe Murillo, e o deputado delegado da área de Deportes, Gorka Gómez.

A cita terá lugar o vindeiro mércores, día 24, no estadio de Pasarón e o Pontevedra CF tentará acadar o trofeo fronte ao Racing de Ferrol no encontro que comezará a partir das 20.30 horas. Como sinalou Silva, este partido marca o inicio da pretempada para o conxunto granate, pero ademais serve para honrar a un gran deportista como foi Luis Otero, "unha figura relevante na provincia, onde xogou en varios equipos, pero tamén a nivel nacional e internacional". "É unha boa idea que a xente que tanto apostou e fixo porque a nosa provincia fose coñecida e recoñecida no ámbito do fútbol siga presente".

"Este partido –engadiu Silva- permite ir quentando motores porque temos que sumar todas as enerxías positivas para que o Pontevedra, que é o equipo que leva o nome da cidade pero que todas as persoas da provincia e Galicia sentimos que é o noso equipo tamén, de cara a esta tempada, que ten que ser aínda mellor que a pasada. Agardamos que sexa mellor, porque hai obxectivos e soños que sempre hai que manter".

No acto, a presidenta da Deputación tamén deu a coñecer os trofeos que se entregarán aos participantes no encontro, dúas pezas de cerámica de Sargadelos. "Este premio é algo especial e o trofeo tiña que ser algo especial. Estes trofeos falan de nós, falan de Galicia, do que somos, e ademais son trofeos de cerámica nosa, do noso talento", explicou. A este respecto, Lupe Murillo destacou tamén que a última vez que o Pontevedra gañou o torneo recibiu como premio unha peza elaborada na Escola de Cantería da Deputación. "Son trofeos que teñen que ver co noso e é algo importantísimo", destacou.

A presidenta do Pontevedra CF, despois de valorar o compromiso co deporte da institución provincial, da que sinalou que é o "principal patrocinador" do equipo, destacou a importancia do Luis Otero para a entidade granate. "Son 60 anos xa desfrutando deste torneo, que é o primeiro desta tempada e no que hai que coñecer aos nosos xogadores –explicou-. E desexamos que esta tempada sexa mellor aínda que a pasada".

O partido será gratuíto para os socios, que poderán ver en acción aos novos xogadores, aínda que Murillo subliñou que o 80% do conxunto está formado por deportistas que renovaron co Pontevedra, "porque é o que os afeccionados nos pediron no aplauso de cinco minutos no último partido da tempada en Pasarón".  Por último, a presidenta do Pontevedra CF amosou a disposición da institución granate a seguir colaborando coa Deputación. "Temos catro anos por diante para facer grandes cousas pola provincia", sinalou tras darlle a benvida a Gorka Gómez como novo deputado de Deportes.

Audios

  • Audio