Noticias

A Deputación de Pontevedra promociona doce rutas turísticas para espertar a "Fame de experiencias" das e dos visitantes da provincia

A información sobre os itinerarios, dispoñible na web de Turismo Rías Baixas, busca facilitarlles ás e aos turistas todos os datos sobre os distintos recursos da ducia de destinos propostos


19 agosto 2019
Fame de experiencias

A Deputación de Pontevedra promociona a través da páxina web de Turismo Rías Baixas as doce rutas turísticas que pretenden espertar a "Fame de experiencias" das persoas visitantes na provincia pontevedresa a través das singularidades das distintas comarcas. Estes itinerarios, que se poden facer durante todo o ano, buscan facilitarlles ás e aos turistas información sobre os distintos recursos dispoñibles nos destinos propostos presentada na web dun xeito organizado e cómodo para que poidan preparar as súas viaxes de forma máis sinxela.

Máis polo miúdo, a ducia de rutas turísticas suxeridas fan un completo repaso destes destinos únicos, poñendo énfase na súa oferta museística e gastronómica. Así, conteñen información sobre museos, centros de interpretación, xacementos arqueolóxicos e elementos patrimoniais, ademais dos lugares de interese paisaxístico, produtos e eventos gastronómicos e establecementos de restauración e aloxamentos de cada un dos destinos. Vigo figura en tres destas rutas, Pontevedra en dúas, ao igual que Deza e  O Baixo Miño, e as zonas do Morrazo, Caldas, O Salnés e Tabeirós-Terra de Montes, e O Condado nunha.

Os itinerarios afondan nas singularidades de cada comarca e, así, o da Paradanta leva por título "Viño e lamprea", mentres que, no caso do Condado, a ruta destaca esta zona como "Terra de fronteiras, auga e historia" e a do Baixo Miño como "O sagrado na natureza e o control da paisaxe". As outras rutas son "Puro Atlántico" (Baixo Miño e Vigo), "Arte e cidade" (Vigo), "Un mar de historias" (Vigo), "Entre o mar e a terra" (O Morrazo), "Un tesouro artístico" (Pontevedra), "Do mar e do viño" (O Salnés), "Entre ríos e mananciais" (Caldas), "O campo, un mundo de riquezas" (Tabeirós-Terra de Montes e Pontevedra), e "Terras do interior" (Deza).

A posta en marcha destas rutas (ás que se pode acceder desde a pestana "Descubre" da web Turismo Rías Baixas), que se enmarcan na campaña "Fame de experiencias", supón un paso máis na aposta da Deputación de Pontevedra pola desestacionalización e a internacionalización do turismo na provincia, xa que se pode gozar delas ao longo de todo o ano e pola súa riqueza e variedade cultural, natural e gastronómica. Os itinerarios divulgaranse tamén a través de folletos que se poñerán a disposición das persoas visitantes e que recollerán a información dun xeito máis esquematizado.