Noticias

A Deputación de Pontevedra presenta o seu Plan de dinamización do viveiro de Lalín para o fomento e a promoción da cultura emprendedora

Carlos Font adiantou que esta primeira edición do LuscoFuscoNetworking terá unha réplica en decembro na que se marcarán as liñas de traballo para o vindeiro ano


11 abril 2019
LuscoFuscoNetworking

O deputado provincial Carlos López Font, asistiu esta tarde á primeira edición do LuscoFuscoNetworking, a xornada de portas abertas no viveiro de Lalín na que tamén se presentou o Plan de dinamización para o fomento e a promoción da cultura emprendedora das instalacións xestionadas pola Deputación de Pontevedra. Durante a súa intervención, Font informou "da recente baixa de prezos do viveiro, así como dos servizos que se prestan" e tamén das actuacións que forman parte do Plan de dinamización para a promoción e fomento da cultura emprendedora.

Entre as actuacións que se van desenvolver, o deputado provincial salientou, en primeiro lugar, os novos prezos cos que contarán as instalacións. O primeiro ano, que estará subvencionado pola Deputación nun 50 %, o custe sería de 1,62 euros por m2 para as naves e de 1,75 euros para a oficina e o espazo coworking. O segundo ano, subvencionado nun 25 %, o m2 para as naves sería de 2,44 euros e para a oficina e o espazo coworking 2,64 euros. Por último, no terceiro ano o prezo para a nave sería de 3,25 euros e para os restantes espazos de 3,5 euros. Con respecto aos espazos dispoñibles, na actualidade están libres as oficinas 2, 4 e 5. Ademais, tamén se poderían ocupar as naves 2, 3 e os 16 postos que conforman o espazo coworking.

En relación aos servizos prestados desde o viveiro, López Font destacou os locais privados equipados con mobiliario e dotados de diferentes infraestruturas; a recepción e control de accesos; a chave de acceso; a administración, limpeza e mantemento de zonas comúns, aparcadoiro, seguridade e impresora; o uso de balde da sala de xuntas; o asesoramento e formación; tamén o asesoramento en materia TIC e mellora da competitividade empresarial (Rede SmartPeme); e a cesión de espazos a asociacións empresariais.

Máis polo miúdo, no eido do Plan de dinamización para a promoción e o fomento da cultura emprendedora, López Font destacou dúas actuacións dirixidas ao público xeral: LuscoFuscoNetworking, que contará cunha replica en decembro para facer balance e adiantar liñas de traballo para o vindeiro ano; e EmprendeViveiro, un microespazo radiofónico quincenal que se emite o segundo e cuarto mércores de cada mes en Radio Lalín. Neste senso, o deputado provincial tamén explicou as actividades que se levarán a cabo ao longo do ano no marco deste Plan de dinamización. Así, en maio terá lugar o obradoiro de "Estratexias para fomentar a participación de persoas socias nas asociacións empresariais", dirixido a persoal integrante de xunta directiva ou persoal xerente de asociacións empresariais. No mes de xuño, para persoas emprendedoras, autónomas e pequena empresa, terá lugar a xornada "Emprender chanzo a chanzo". Pola súa banda, en outubro será o mes do emprendemento social a través do "PorcoLab: laboratorio de emprendemento social", unha iniciativa que busca promover o traballo colaborativo entre entidades sociais e alumnado de ciclos formativos, estudantes universitarios e persoas emprendedoras. Finalmente, a finais de novembro será a quenda dunha sesión de traballo de ideación (participativa e aberta) "Viveiro 2020", dirixida a viveiristas, persoal técnico da Deputación, persoas emprendedoras e asociacións de empresas.

O deputado de Cooperación tamén adiantou que, a partir do último trimestre do ano, está previsto "outorgarlle máis protagonismo ás e aos viveiristas e por iso se habilitará un escaparate virtual onde poderán ter un espazo co logo da empresa, datos de contacto e ligazón a súa web e redes sociais". Para rematar, Font fixo fincapé no espazo de viveiros habilitado na web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal/viveiros-de-empresas), no que se pode consultar a información relativa aos viveiros de empresa da Deputación, así como as actividades previstas e solicitar a inscrición nas mesmas.