Noticias

A Deputación de Pontevedra presenta a programación de teatro do Ano Castelao

Todos os concellos da provincia contarán, como mínimo, cunha representación teatral no marco deste programa


30 xuñ 2016

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presenta mañá a programación de teatro no marco do "Ano Castelao". Un programa de representacións que chegará aos 62 concellos da provincia de Pontevedra co obxecto de contribuír e complementar as súas programacións culturais e chegar a toda a poboación da provincia.

Trátase de obras representadas por 5 compañías. Limiar Teatro representará, nunha xira durante os meses de verán, a obra 'A lingua na boca. Letras,Riscos e Pensamentos de Castelao'. Culturactiva achegará, no último trimestre, a obra protagonizada por Fran Rei e Isabel Risco "Retrincos de Castelao'. Pola súa banda, Cándido Pazó levará 'Que comerá o Rei?' por varios concellos entre xullo e decembro; mentres que Teatro do Morcego volverá a representar 'Os vellos non deben de namorarse' con motivo da conmemoración do 75 aniversario da estrea orixinal desta obra. Para público familiar, a compañía Migallas representará, a partires de outubro, a obra 'Pegadas de Castelao.

A presentación terá lugar en rolda de prensa ás 12:00h na escalinata do Pazo provincial e participarán representantes das cinco compañías de teatro. Os compoñentes de Limiar Teatro, Fran Núñez e Brais Iriarte interpretarán un tema musical pertencente ao seu espectáculo.