Noticias

A Deputación de Pontevedra presenta a campaña de Igualdade que realizará en Atlantic Fest e Vive Nigrán aos colectivos de profesionais chamados a intervir

Autoridades, persoal dos concellos da Illa de Arousa e Nigrán e representantes da Garda Civil e da Policía Local coñeceron de primeira man as campañas #Lembraeudecidotirespectas e #Contacomigoeurespectote


20 xullo 2018
Campaña contra as agresións sexuais 2018

A Deputación de Pontevedra, no marco das accións da campaña de Igualdade que está a estender durante este verán con motivo dos #RíasBaixasFests, entre os que se atopan o Vive Nigrán e o Atlantic Fest, convocou nos concellos da Illa de Arousa e Nigrán unha reunión informativa na que se presentaron as campañas #Lembraeudecidotirespectas e #Contacomigoeurespectote. A través desta actuación, posta en marcha pola institución provincial por segundo ano consecutivo, preténdese informar e previr as violacións en cita e as agresións por submisión química.

Ademais da presentación das campañas, durante as reunións entregouse material informativo para situar no posto da Garda Civil, da Policía Local e nas dependencias municipais. Igualmente, facilitáronse recomendacións para unha axeitada atención desde a perspectiva de xénero ás vítimas deste tipo de delitos e realizouse unha análise da resposta á hora de intervir, revisando os protocolos específicos de cada un dos ámbitos representados na reunión e apostando pola coordinación. Tamén se fixo énfase na importancia da perspectiva de xénero no marco dos traballos a realizar para garantir o normal desenvolvemento do festival e a seguridade das persoas participantes, amosando exemplos de boas prácticas e repasando os principais problemas que se atopan as e os profesionais á hora de intervir.

O Goberno de Carmela Silva ten previsto realizar estas accións informativas e de coordinación cos colectivos de atención ao público en todos os concellos nos que se levarán a cabo os #RiasBaixasFests, co fin de proporcionar ferramentas e desenvolver protocolos de colaboración e coordinación ante unha posible agresión sexual.

Presentación na Illa de Arousa

No encontro con motivo do Atlantic Fest participaron desde o alcalde da Illa de Arousa, ata persoal do concello, representantes da Garda Civil e da Policía Local que velarán polo normal desenvolvemento do festival, que se estenderá desde hoxe ata o domingo na vila, e garantirán a seguridade de todas as persoas que acudan ao evento.

Durante a reunión, explicáronse os obxectivos das campañas de Igualdade postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e fíxose fincapé en que, este ano, estase a dar un paso máis cara a implicación dos mozos na campaña coa finalidade de que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de conductas, non sexan cómplices e se sitúen fronte aos agresores ao tempo que se promoven relacións en igualdade baseadas no respecto.

Encontro no concello do Val Miñor

Na reunión en Nigrán participaron desde a directora e psicóloga do CIM do concello ata o xefe da Policía Local e persoa responsable do posto da Garda Civil na vila, persoal de Protección Civil e a médica e enfermeira do centro de saúde A Xunqueira, que velarán polo normal desenvolvemento do Vive Nigrán, que se estenderá desde hoxe ata mañá na vila, e garantirán a seguridade de todas as persoas que acudan ao evento.

Ao longo da presentación, explicáronse os obxectivos das campañas de Igualdade postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e fíxose fincapé en que, este ano, estase a dar un paso máis cara a implicación dos mozos na campaña coa finalidade de que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de conductas, non sexan cómplices e se sitúen fronte aos agresores ao tempo que se promoven relacións en igualdade baseadas no respecto.