Noticias

A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición de "Musigal" e "Pontegal" reforzando o seu compromiso coa cultura

Os grupos poderán inscribirse en "Musigal" ata o 20 de xaneiro e o prazo para solicitar as actuacións de "Pontegal" comezará ao día seguinte da publicación das súas bases no BOPPO


18 decembro 2020
Rolda de prensa

A música seguirá ocupando un lugar preferente no panorama cultural da provincia no 2021 tras a aprobación, por parte da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, das bases dos programas "Musigal" e "Pontegal". Tal e como resaltou a súa presidenta, Carmela Silva, o ente provincial é "unha administración que cree que a cultura ten un enorme poder transformador e temos a obriga de financiar e potenciar o talento da nosa provincia". Por iso "a aposta da Deputación polo sector cultural e musical da provincia é total e absoluta".

Máis polo miúdo, "Musigal" contará na súa próxima edición cunha financiación de 600.000 euros cos que contribuirá á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia. Do mesmo xeito, este programa busca fomentar a normalización da nosa lingua e a defensa da igualdade. Carmela Silva explicou que desta forma "se favorece a programación artística dos concellos, posibilitando que poidan contar con grupos potentes", posto que os concellos tan só se teñen que encargar dos gastos de produción da actuación, sendo a Deputación de Pontevedra quen aboa na súa totalidade o caché do espectáculo do grupo ou artista. Nesta liña, Silva, resaltou que para os pequenos concellos "sería imposible facer fronte ao custo desta programación musical se a Deputación non se fixera cargo deste tipo de actuacións".

Os grupos musicais profesionais poderán inscribirse en "Musigal" ata o 20 de xaneiro do vindeiro ano. Cada grupo ten que presentar por medios electrónicos unha única solicitude e os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán solicitar actuacións dos grupos inscritos ata o 15 de febreiro de 2021.

Para "Pontegal" a Xunta de Goberno aprobou un orzamento inicial de 300.000 euros que "sen ningunha dúbida será ampliable" ao longo do 2021, tal e como comentou Carmela Silva. A presidenta da Deputación de Pontevedra explicou que "no caso de "Pontegal" o ano pasado baixou moito a petición de actuacións e moitas actividades non se puideron realizar por mor da COVID-19" e por iso, segundo como vaia avanzando o próximo ano ampliarase a partida orzamentaria para este programa.

"Pontegal" é un programa que ten como obxectivo promover a actividade de bandas de música masas corais, grupos folclóricos, grupos de teatro, de música clásica, tradicional ou outras modalidades artísticas, para favorecer e impulsar a riqueza da cultura popular da provincia. O prazo para solicitar actuacións comezará ao día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e será de 20 días naturais anteriores á data de realización da actuación. Deste xeito, tal e como resaltou Carmela Silva, "facilitamos que se poidan desenvolver moitas actividades e que as asociacións non teñan que solicitalo a principio de ano posto que moitas veces, e máis agora por mor da COVID-19, non sabemos si se van a poder desenvolver as actividades ou non".