Noticias

A Deputación de Pontevedra pon ao día os pavillóns de deportes de Tui cun investimento de case 150.000 euros

A presidenta, Carmela Silva, e o alcalde, Enrique Cabaleiro, visitaron as obras e coincidiron na necesidade de investir na mellora e mantemento dos equipamentos públicos "e máis aínda nun contexto sociosanitario como o actual"


24 outubro 2020
A presidenta, Carmela Silva, e o alcalde, Enrique Cabaleiro

Os clubs deportivos e a comunidade escolar de Tui gozarán, antes do remate do ano, dunhas instalacións moi renovadas gracias ao investimento de case 150.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra, que está a poñer ao día os Pavillóns Municipais Novo e Vello, situados na rúa do Canónigo Vilela. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Enrique Cabaleiro, visitaron unhas obras que mellorarán a funcionalidade de ámbolos dous recintos e que estaban a ser demandadas dende hai tempo.

Carmela Silva destacou que investir nas instalacións deportivas existentes sempre é un acerto, algo que, subliñou, pode ser mesmo máis importante que a construción de infraestruturas novas. No caso de Tui, o Pavillón Vello data de 1978 e o Novo, de 2006 e ambos acusan os efectos dun uso moi intensivo e do paso do tempo. Ademais, lembrou que era necesario adaptalos a normativas actuais, ademais de cubrir novas necesidades, como a división do Pavillón Novo para permitir o uso simultáneo por parte de dous clubs. Pola súa banda, o alcalde lembrou que gracias á Deputación pódense manter os equipamentos públicos da provincia "en condicións". "Tódolos concellos temos equipamentos, como é o caso destes dous pavillóns, que é necesario dignificar e sen os recursos que achega a Deputación, e máis aínda nun contexto sociosanitario tan complicado como o actual no que os gastos multiplícanse, sería imposible".

No Pavillón Novo, cun investimento de máis de 88.000 euros, estase a proceder á reparación completa dunha cancha que, despois de 12 anos de servizo, presenta danos tanto nas táboas do laminado de madeira como nos "rastreles" de suxeición. Despois dunha completa inspección para detectar vicios ocultos e deixar a superficie en perfectas condicións para a práctica deportiva chegouse á conclusión de que en torno a un terzo da superficie debía ser renovada. O proxecto contempla tamén unha ampliación lateral da tarima en 106 metros cadrados ata o encontro coas gradas. Unha vez rematada esta fase procederase ao decapado, regularización da superficie, novo vernizado e pintado das pistas para as diferentes modalidades deportivas. O novo espazo deportivo será modulable gracias á instalación dunha gran cortina central de separación, con elevación automática a través dunha motorización eléctrica. A gran lona vai suxeita cunha estrutura autoportante deseñada especificamente para as características deste pavillón e ancorada ás vigas do teito. Finalmente, o corredor dos vestiarios está a ser revestido cun novo trasdosado a base de taboleiros MDF de gran resistencia para ofrecer unha mellora estética e solucionar algúns problemas de humidade que se están a producir nesta zona.

No Pavillón Vello estanse a solucionar os problemas de obsolescencia dos vestiarios e aseos, que precisaban dunha renovación completa dende hai tempo. Deste xeito, substitúense tódolos alicatados e pavimentos por moderno gresite e baldosas antiescorregadizas. Tamén cámbianse completamente os inodoros, así como as portas, que presentan un deterioro manifesto A maiores repáranse todas as paredes de teitos cun tratamento antihumidade e nova capa de pintura. O Pavillón Vello está, finalmente, a ser adaptado á normativa actual coa execución dun baño para persoas con diversidade funcional do que, dada a súa antigüidade, carecía. As obras implican tamén o cambio da distribución do aseo de árbitros e outros dous aseos. Os cambios supoñen, ademais, a adaptación das canalizacións e conexións de fontanería ás novas condicións. O importe da mellora nesta instalación deportiva está moi próximo aos 60.000 euros.

Ámbalas dúas obras sufráganse co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A institución provincial leva investidos en Tui dende 2015, ano no que Carmela Silva accedeu á Presidencia, un total de 8,3 millóns de euros. Neste tempo, e incluíndo as actuacións en marcha, a Deputación fixo posible a execución de 55 obras e subministracións, así como a contratación temporal de 111 traballadoras/es para a prestación de servizos municipais. A maiores, o Concello de Tui resultou beneficiario dun gran proxecto a través do Plan DepoRemse para a reurbanización integral do barrio da Torre, en Paramos.