Noticias

A Deputación de Pontevedra pon a punto o Centro Príncipe Felipe de cara ao novo curso

O goberno dedicará 1,4 millóns de euros á substitución de fachadas, mellora dos parques infantís, impermeabilización ou un novo sistema de alarma de incendios


26 xullo 2019
Rolda de prensa de Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou sobre os "importantísimos investimentos" que a institución provincial está a realizar no Centro Príncipe Felipe "de cara a poñer a punto o recinto para setembro", co inicio do novo curso, malia que "todo o que se fai alí é unha competencia exclusivísima da Xunta de Galicia". Carmela Silva asegurou que "recibimos unha situación incualificable do anterior goberno provincial, co silencio de moitas persoas que agora falan por non calar, como a sinatura dun convenio coa Xunta para ter un centro de educación primaria de titularidade autonómica pero cuxa conservación e mantemento finánciaos a Deputación".

Deste xeito, o goberno provincial está a investir preto de 1,4 millóns de € para que os espazos do centro estean nas mellores condicións porque "seguiremos apostando por que o Príncipe Felipe estea nas mellores condicións mentres non haxa unha transferencia de competencias, que seguimos considerando", asegurou Carmela Silva. "As nenas e nenos que están alí deben ter as condicións óptimas que merecen os centros que as e os atenden", valorou a Presidenta, "e isto é só o inicio de moitas máis obras que imos levar a cabo nos vindeiros catro anos".

Deste xeito, Carmela Silva informou de que "a Deputación de Pontevedra dedicará 85.000 euros para levar a cabo labores de mantemento e adecuación dos seus espazos que non se fixeron no pasado". A institución provincial, concretamente, está a actuar na impermeabilización das cubertas dos patios do Centro Materno-Infantil e da Escola Infantil Chupetes; na substitución do pavimento da cociña; tamén na reposición de elementos para mellorar os chans e as instalacións de xogos nos parques infantís do CEIP, da Escola Infantil Chupetes e do Centro Materno-Infantil e na substitución das tubaxes de auga quente no edificio da Escola Fogar para modernizar a instalación e evitar.

Ademais, a Deputación de Pontevedra investirá outros 123.400 euros no Príncipe Felipe "para adecuar pór en marcha un novo sistema de detección e alarma de incendios, cun prazo de execución de tres meses". Carmela Silva lembrou que xa están en fase de licitación os investimentos nas fachadas do Centro de Educación Especial e do Centro de Acollida Agarimo, cun orzamento de 1.007.000 euros, e o da mellora da instalación eléctrica no conxunto do centro, cun investimento de 155.352 euros.