Noticias

A Deputación de Pontevedra pón á disposición dos concellos o proxecto Smartpeme

A Presidenta da institución subliñou a importancia deste novo servizo a partir do cal os 62 concellos da provincia poderán dar un novo impulso ás pemes e autónomos instaladas na súas delimitacións


30 xuñ 2016
O proxecto Smartpeme a disposición dos concellos
O proxecto Smartpeme a disposición dos concellos

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado delegado de innovación e promoción económica, Javier Dios, deron a coñecer esta mañá ás alcaldesas e alcaldes e concelleiras e concelleiros da provincia de Pontevedra o proxecto Smartpeme, un novo servizo que a institución provincial pon ó servizo dos 62 concellos de Pontevedra para que poidan ofertar asesoramento as súas pemes e autónomos.

Carmela Silva destacou que "o antigo CPAE 2.0 non estaba a obter os resultados esperados, polo que decidimos reformulalo, dotalo dos recursos suficientes e convertelo nun proxecto rigoroso denominado Smartpeme que permitise mellorar a competitividade do tecido empresarial da provincia".  Neste eido, a Presidenta da Deputación subliñou que "xa nos últimos meses previos ó novo lanzamento de Smartpeme fomos reorientando o proxecto para que se asemellase ó novo enfoque que lle queríamos dar". Os resultados, segundo Silva, foron moi positivo xa que "con esta nova reformulación multiplicamos a nosa influencia no tecido empresarial, sumando 594 consultas de 444 empresas atendidas, das cales 271 son novas usuarias do servizo, e organizando 159 eventos de capacitación TIC coa presenza de 1.094 asistentes".

O novo proxecto Smartpeme, en palabras da Presidenta da Deputación, "trátase dun novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos".  Para elo, nas oficinas de Smartpeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo poranse en marcha itinerarios de obradoiros temáticos, con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas; eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio; colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais; especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia; kit de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores; identificación e difusión das necesidades TIC ós proveedores de solucións para as pemes e impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Amais, tamén detectouse que co anterior proxecto CPAE 2.0 a distribución das empresas asesoradas non era uniforme, cunha maior presenza nas cidades máis grandes  e  nos municipios onde o CPAE tiña as súas oficinas.  Esta pouca uniformidade mudará co proxecto Smartpeme xa que a colaboración cos concellos será máis estreita e o proxecto se ofertará como un servizo propio dos municipios para que sexan eles os que presten asesoramento e impulsen ás empresas, persoas autónomas e emprendedoras da súa área de influenza. Neste contexto, a Presidenta da institución provincial recalcou que "a Deputación non é máis que un vehículo para que os concellos poidan converterse nos protagonistas, ofertando un servizo que responda ás necesidades das súas veciñas e veciños que se dediquen ó mundo empresarial ou queiran emprender". Para elo, realizaranse reunións nos concellos da provincia que desexen ofertar o servizo Smartpeme ás súas veciñas e veciños nas que se presentará o proxecto e terán lugar reunións individuais co asesor de referencia da comarca.

Xa para rematar o acto de presentación do proxecto Smartpeme, o deputado provincial Javier Dios fixo balance da situación actual do sector das pemes e autónomos, que representa o 93,5% do tecido empresarial da provincia, con 73.500 empresas, e fixo fincapé na importancia de potenciar o desenvolvemento da provincia a través das TIC.