Noticias

A Deputación de Pontevedra organiza un "Paseo imaxinario (ou non) pola obra de Xela Arias" no parque do Castro de Vigo

O roteiro pola "Poesía Reunida" da autora terá lugar o domingo 31 de outubro e as inscricións xa están abertas


15 outubro 2021
Actividade de Xela Arias

A figura de Xela Arias segue a formar parte da programación cultural da Deputación de Pontevedra cun paseo imaxinario (ou non) pola obra da autora no Parque do Castro de Vigo a través da súa "Poesía Reunida" (1982-2004). O roteiro terá lugar o último domingo de outubro e comezará ás 11.00 horas da man da escritora vilagarciá Susana S. Arins, quen comentará o percorrido que finalizará cunha actuación musical de Clara Pino. Deste xeito, durante dúas horas conxugaranse literatura, patrimonio e música nunha actividade que xa ten aberta a inscrición participa.cultura@depo.es.

O paseo sairá da Fonte do Castro e as persoas que asistan visitarán a escavación que hai nese lugar para logo dirixirse ao miradoiro sobre o porto. O percorrido continuará cara o miradoiro de Vigo con dúas paradas intermedias: unha delas no banco no que Xela Arias deixou o seu primeiro fanzine e a outra nunha zona de árbores na que achega o universo máis persoal da poeta. O roteiro tamén dará a coñecer á Xela Arias máis nova, con inquietudes e curiosidades propias da xuventude, así como á nai que ve como o seu fillo comeza a camiñar. Rematará nos Galeóns de Rande, dende onde se pode ver a praia na que a poeta axudou a limpar os restos de chapapote tras o afundimento do Prestige.

Unha vez finalizado o roteiro a cantante Clara Pino musicará xunto a Pablo Vidal tres poemas de Xela Arias para desfrute do público: "Nacín Soa", "Teremos terás" e "Non me conteño".  Este concerto, en formato acústico, terá lugar nos propios Galeóns de Rande e achegará a obra da poeta dende a perspectiva da amizade xurdida entre ela e Clara Pino durante a súa etapa universitaria.