Noticias

A Deputación de Pontevedra ofrécelle ao Concello do Rosal a súa colaboración para impulsar proxectos no municipio

O Concello recibirá da institución provincial un total de 514.360,75 €, un 30,5 % máis que no ano 2015


26 xan 2016
O Rosal
Carmela Silva e Jesús Fernández Portela

Na súa primeira visita institucional ó Rosal a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceulle ó alcalde, Jesús Fernández Portela, a súa colaboración para apoiar o Concello nos plans de futuro que ten en marcha. O Rosal recibe este ano da Deputación máis de 500.000 €, un 30,5 % máis que o que obtivo en 2015, grazas ao Fondo Local, que garante unha repartición xusta e equitativa dos recursos entre os 62 concellos da provincia de Pontevedra. Neste eido o alcalde destacou o papel que ten a Deputación "para poder desenvolver actuacións e satisfacer as necesidades e demandas dos veciños dos concellos de menos de 20.000 habitantes".

A presidenta agradeceulle ao alcalde a cordialidade e disposición do goberno local para levar adiante aqueles proxectos que ambas as institucións poidan desenvolver nos próximos meses, entre eles os que teñen que ver co turismo. "Falamos do Rosal, que é un enclave privilexiado cheo de posibilidades. Imos sentarnos tamén co alcalde para ter en conta as súas propostas dentro do plan de turismo que estamos a desenvolver desde a Deputación", dixo Silva, que garantiu o seu compromiso para unha nova visita co fin de coñecer polo miúdo os recursos turísticos do Rosal. 

O alcalde agradeceu "o interese da presidenta da Deputación de Pontevedra por buscar solucións para algúns dos principais problemas do Concello". En concreto, subliñou "o interese do municipio para crear unha senda peonil na estrada que une Tui coa Guarda, así como a convocatoria dun concurso de ideas para impulsar a obra de peonalización Praza do Calvario". Carmela Silva destacou que o Plan Movese é un plan que dá resposta ás necesidades das persoas e ciclistas, no que podería encaixar esta senda, e por iso se analizará a súa viabilidade. A presidenta anunciou tamén a próxima visita do deputado de Infraestruturas para coñecer de primeira man o proxecto.