Noticias

A Deputación de Pontevedra mantén mobilizados todos os seus departamentos e efectivos ante a grave situación dos lumes na provincia

A presidenta, Carmela Silva, activou de madrugada o gabinete de crise, que a estas horas segue a traballar na coordinación dos medios de emerxencias que se derivan aos concellos máis afectados


15 outubro 2017
Camión de Bomberos

O Goberno da Deputación de Pontevedra mantén mobilizados todos os departamentos da institución ante a grave situación dos incendios. A estas horas o gabinete de crise, que a presidenta Carmela Silva activou a pasada madrugada, segue a traballar en coordinación con Medio Rural da Xunta e cos concellos do sur da provincia coa finalidade de sumar esforzos para poder controlar a situación que, sobre todo, está a afectar as comarcas do Condado, Vigo, O Val Miñor e O Baixo Miño con miles de hectáreas queimadas e veciñas e veciños desaloxados.

Desde onte a noite, a Deputación mobilizou todos os parques do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento, Vilagarcía, O Porriño, Bueu e Ribadumia,  que se puxeron a disposición do 112 e de Medio Rural e que ao longo do día se moveron en función da perigosidade dos lumes, desde Pazos de Borbén a Mondariz, Ponteareas, Redondela, Gondomar, Baiona, Oia, Mos, Salvaterra ou As Neves.

Ademais, durante a xornada activouse a alerta en diferentes departamentos da institución provincial e coordinouse desde a Área de Mobilidade o envío de medios humanos e máquinas ás zonas máis afectadas, chegouse á contratación externa de algún material. De feito enviáronse dúas máquinas de cadeas e dúas góndolas, ademais de dúas cisternas así como condutores e un coordinador do parque. Tamén se activou o protocolo de actuación no Castelo de Soutomaior coa previsión de materiais para facer fronte a unha posible evacuación que de momento non foi precisa. Igualmente as brigadas provinciais apoiaron labores de tráfico co peche da estrada Ponteareas-As Neves.

A estas horas son de nivel 2 de alerta os incendios de Gondomar, As Neves, Salvaterra, Baiona e Pazos de Borbén, no que tamén traballan efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e que se espallou a Ponteareas, Redondela e Soutomaior.  Ante a virulencia dos lumes están mobilizados os corpos contra incendios de todos os concellos do sur da provincia.

A propia presidenta provincial, Carmela Silva, segue en permanente contacto coa conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, coa que coordinou todos os dispositivos de emerxencia, e coas alcaldesas e alcaldes  das zonas e concellos máis afectados polas chamas.