Noticias

A Deputación de Pontevedra leva mañá ata Baiona a exposición "Rexas, mulleres baixo o terror franquista"

A mostra rende homenaxe a 172 veciñas da provincia que afectadas por todo tipo de represións, desde vexacións sexistas ata asasinatos, e poderá visitarse ata o 18 de outubro nos baixos do concello


04 outubro 2019
Rexas

A programación cultural da Deputación achegará a Baiona a exposición "Rexas, mulleres baixo o terror franquista", unha mostra coa que se pretende homenaxear ás mulleres represaliadas da provincia de Pontevedra. A inauguración terá lugar mañá, ás 20:00 horas, no concello de Baiona e, a continuación, proxectarase na biblioteca do concello o documental Matriarcas, de Xiana Vilar, Mónica Sousa, Vanesa García e Laura Rial. Posteriormente, haberá unha charla con Montse Fajardo, comisaria de "Rexas" e participante no documental. A mostra estará presente nos baixos do concello de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas, ata o 18 de outubro.

Hai que lembrar que "Rexas" recolle exemplos de mulleres pontevedresas afectadas por todas as tipoloxías de represión, desde as vexacións sexistas e as persecucións, ata as torturas e asasinatos. Toda a información relativa á historia das mulleres homenaxeadas está organizada en 12 paneis que inclúen preto dun centenar de fotografías.

Esta mostra, promovida polo Departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra, busca contar a historia da represión rexistrada en Pontevedra tras o golpe de Estado de 1936 desde o punto de vista das mulleres. Na ducia de paneis que a compoñen conta a historia de 172 veciñas da provincia, a quen deste xeito e con esta mostra se lles rende unha homenaxe.