Noticias

A Deputación de Pontevedra leva este xoves ata Silleda unha nova charla do ciclo "Tempo de Saúde" dirixida á mocidade

Esta iniciativa promove conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, para achegar distintos temas de saúde á xuventude ou ás e os maiores


21 novembro 2018
Tempo de Saúde

A Deputación de Pontevedra levará este xoves ao IES Pintor Colmeiro de Silleda unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde", unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde posta en marcha pola institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos. A conferencia celebrarase ás 10:50 h impartida polo doutor Juan José Sánchez, destinada á xuventude, asociacións xuvenís e para a veciñanza sobre a prevención de enfermidades venéreas e os seus riscos.

"Tempo de saúde" é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios pontevedreses, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha deste programa.

En Silleda, o doutor Juan José Sánchez Castro explicaralles ás e aos asistentes distintas cuestións relativas á prevención de enfermidades venéreas e os seus riscos. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo co público asistente. Preténdese que todas as persoas que asistan ás charlas de "Tempo de saúde" aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan. Sánchez Castro é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, e diplomado en Sanidade. Na actualidade exerce de xefe de Servizo de Atención Primaria en A Estrada. Tamén ten varios recoñecementos pola súa traxectoria profesional.

Ao igual que en Silleda, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á poboación nova, centradas sobre todo nas temáticas de nutrición, trastornos alimentarios e enfermidades de transmisión sexual. En canto á xente maior, as conferencias centraranse na hospitalización a domicilio e nos trastornos depresivos e de ansiedade. Ademais, dentro desta iniciativa, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.