Noticias

A Deputación de Pontevedra leva este venres ata O Grove unha nova charla do ciclo Tempo de Saúde dirixida á terceira idade

Esta iniciativa promove conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, para achegar distintos temas de saúde á xuventude ou ás e os maiores


15 novembro 2018
Tempo de Saúde

A Deputación de Pontevedra levará este venres á Casa da Terceira Idade do Grove unha nova charla do ciclo Tempo de Saúde, unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde posta en marcha entre a institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos. A conferencia terá lugar ás 18 horas e será impartida polo doutor José Antonio Varela Vaamonde para persoas da terceira idade ás que informará sobre a hospitalización a domicilio e a telemedicina.

Tempo de Saúde é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios pontevedreses, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha deste programa.

No Grove, o doutor José Antonio Varela Vaamonde explicaralles ás e aos asistentes distintas cuestións relativas á hospitalización a domicilio e á telemedicina. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo co público asistente. Preténdese que todas as persoas que asistan ás charlas de Tempo de Saúde aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan. Varela Vaamonde é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, especialista en Cirurxía Xeral e Dixestiva, e diplomado en Sanidade. Na actualidade exerce de médico responsable da Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) no Complexo Hospitalario de Pontevedra. Tamén ten experiencia como docente e participou en diversos cursos e congresos.

Ao igual que no Grove, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á poboación nova, centradas sobre todo nas temáticas de nutrición, trastornos alimentarios e enfermidades de transmisión sexual. En canto á xente maior, as conferencias centraranse na hospitalización a domicilio e nos trastornos depresivos e de ansiedade. Ademais, dentro desta iniciativa, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.