Noticias

A Deputación de Pontevedra leva este mércores ata Cerdedo-Cotobade unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde" dirixida á terceira idade

"Tempo de saúde" é un ciclo de conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, para achegar distintos temas de saúde á xuventude e ás persoas maiores


16 outubro 2018
Tempo de Saúde

A Deputación de Pontevedra levará este mércores ata a aula da planta baixa do Concello de Cerdedo-Cotobade, en Carballedo, a cuarta charla do ciclo "Tempo de saúde", unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde postos en marcha entre a institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos. A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acudirá a partir das 18:30 horas á conferencia que impartirá o doutor Santiago Parada Nieto e na que falará sobre trastornos depresivos e ansiedade ás persoas que se acheguen e ás asociacións de maiores participantes.

"Tempo de saúde" é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios da provincia, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para este programa.

En Cerdedo-Cotobade, o doutor Santiago Parada Nieto explicaralles aos e ás maiores que asistan diversas cuestións relativas aos trastornos depresivos e á ansiedade. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo co público asistente. Preténdese que todas as persoas que asistan ás charlas de "Tempo de saúde" aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan.

Parada Nieto é xefe de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Cunha ampla experiencia profesional, leva case 30 anos desempeñando este posto e combinándoo coa actividade científica e coa docencia. Así mesmo, foi membro organizador de varias xornadas sobre psicoanálise e participou en numerosos relatorios.

Ao igual que en Cerdedo-Cotobade, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á terceira idade, centradas sobre todo nas temáticas de trastornos depresivos, ansiedade e hospitalización a domicilio. En canto á poboación máis nova, as conferencias centraranse na nutrición e saúde e nas enfermidades de transmisión sexual. Ademais, dentro desta iniciativa, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.