Noticias

A Deputación de Pontevedra leva este martes ata Marín a charla do ciclo "Tempo de Saúde" dirixida á terceira idade

Esta iniciativa promove conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, para achegar distintos temas de saúde á xuventude ou ás e aos maiores


02 decembro 2018
Tempo de saúde

A Deputación de Pontevedra levará este martes ao Museo Manuel Torres de Marín a charla do ciclo "Tempo de Saúde", unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde posta en marcha entre a institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos. A conferencia celebrarase ás 19:30 horas e será impartida polo doutor José Antonio Varela Vaamonde para persoas da terceira idade ás que informará sobre a hospitalización a domicilio e a telemedicina.

Máis polo miúdo, os próximos días 11 e 13 de decembro terán lugar dúas charlas para clausurar o programa en Vigo e Pontevedra, respectivamente. A primeira delas está dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e a outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.

"Tempo de Saúde" é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Desenvolveuse de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios pontevedreses, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha deste programa.

En Marín, o doutor José Antonio Varela Vaamonde explicaralles ás e aos asistentes distintas cuestións relativas á hospitalización a domicilio e á telemedicina. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo co público asistente. Preténdese que todas as persoas que asistan ás charlas de "Tempo de Saúde" aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan. Varela Vaamonde é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, especialista en Cirurxía Xeral e Dixestiva, e diplomado en Sanidade. Na actualidade exerce de médico responsable da Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) no Complexo Hospitalario de Pontevedra. Tamén ten experiencia como docente e participou en diversos cursos e congresos.

Ao igual que en Marín, nas últimas semanas desenvolvéronse outras charlas dirixidas á poboación nova, centradas sobre todo nas temáticas de nutrición, trastornos alimentarios e enfermidades de transmisión sexual. Por outra banda, en canto á xente maior, as conferencias centráronse na hospitalización a domicilio e nos trastornos depresivos e de ansiedade.