Noticias

A Deputación de Pontevedra leva este martes ao Porriño unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde" dirixida á mocidade

"Tempo de saúde" trátase dun ciclo de conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, para achegar distintos temas de saúde á xuventude e á terceira idade


22 outubro 2018
Tempo de Saúde

O Auditorio do Centro Cultural Municipal do Porriño acollerá o martes 23 unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde", unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde posto en marcha entre a Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médicos. A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acudirá a partir das 16:45 horas á conferencia que impartirá a doutora Olga Villar Moreira sobre nutrición e saúde ao alumnado do centro educativo, así como ao profesorado e público en xeral.

"Tempo de saúde" é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios da provincia, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para este programa.

No Porriño, a doutora Olga Villar Moreira explicaralles ás mozas e mozos diversas cuestións relativas á nutrición e á saúde, ademais de favorecer un clima de diálogo para que todas as persoas asistentes participen na iniciativa preguntando e aclarando cuestións. O obxectivo é que todas as persoas que asistan ás charlas de "Tempo de saúde" aprendan o máximo posible sobre os distintos temas que soen ser de moito interese para os colectivos aos que se dirixen.

Villar Moreira é xefa de unidade do Centro de Saúde de Gondomar desde febreiro de 2017 e médico de familia no mesmo centro desde maio de 2011. Ten unha ampla experiencia profesional de máis de 20 anos no ámbito da atención primaria como médico de familia en distintos centros de saúde das provincias de Pontevedra e de Lugo. É licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria.

Ao igual que no Porriño, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á poboación moza, centradas sobre todo nas temáticas de nutrición, trastornos alimentarios e enfermidades de transmisión sexual. En canto á xente maior, as conferencias centraranse na hospitalización a domicilio e nos trastornos depresivos e ansiedade. Ademais, dentro desta iniciativa, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.