Noticias

A Deputación de Pontevedra leva este luns ata Poio unha nova charla do ciclo Tempo de Saúde dirixida á mocidade

Esta iniciativa, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, busca achegar distintos temas de saúde á xuventude e á terceira idade


25 novembro 2018
Tempo de Saúde

A Deputación de Pontevedra levará este luns 26 de novembro ao IES de Poio unha nova charla do ciclo Tempo de Saúde, unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde posta en marcha entre a institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos. A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acudirá a partir das 13:30 h á conferencia que impartirá o doutor Enrique Carlos Marra-López Moreno para o alumnado do centro educativo, así como para o profesorado e público en xeral, na que falará sobre a nutrición e a saúde.

Tempo de Saúde é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios pontevedreses, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha deste programa.

En Poio, o doutor Enrique Carlos Marra-López Moreno explicaralles ás mozas e ás mozos diversas cuestións relativas á nutrición e á saúde. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo co público asistente. Preténdese que todas as persoas que asistan ás charlas de Tempo de Saúde aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan. Marra-López Moreno é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade Complutense de Madrid, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, e diplomado en Sanidade. Na actualidade exerce de médico de Urxencias Hospitalarias no Servizo de Urxencias Pediátricas do Hospital Provincial de Pontevedra, tamén de médico de Urxencias Pediátricas no Centro Médico Pintado de Vigo, e no Centro Médico O Grove C.B. como médico de familia.

Ao igual que en Poio, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á poboación nova, centradas sobre todo nas temáticas de nutrición, trastornos alimentarios e enfermidades de transmisión sexual. En canto á xente maior, as conferencias centraranse na hospitalización a domicilio e nos trastornos depresivos e de ansiedade. Ademais, dentro desta iniciativa, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neuro dexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.