Noticias

A Deputación de Pontevedra leva a Poio a exposición "de Pontevedra a Río 2016", de homenaxe ao deporte olímpico e paralímpico da provincia

A mostra fotográfica, que inaugurará este venres a deputada de Deportes, Chelo Besada, poderase visitar no Casal de Ferreirós de Poio ata o luns 31 de xullo


20 xullo 2017
Río 2016

A deputada de Deportes, Chelo Besada, acompañada da concelleira de Deportes de Poio, Margarita Caldas, inaugurará mañá venres ás 17:30 horas a exposición fotográfica "De Pontevedra a Río 2016", organizada pola Deputación de Pontevedra, nun acto que terá lugar no Casal de Ferreirós de Poio.

A mostra, que estará aberta ata o luns 31 de xullo e poderase visitar no Casal de Ferreirós en horario de 9:00 a 12:00 horas, de luns a venres, e de 10:30 a 13:00 horas os sábados, rende homenaxe ás e aos deportistas olímpicos e olímpicas, e paralímpicas e paralímpicos, da provincia de Pontevedra que participaron na última edición dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos en Río.

A exposición, que comezou no Pazo provincial o pasado mes de outubro, xa recalou en diversas localidades da provincia como Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada, Marín, Ponteareas, O Rosal, Cangas, Meaño, Oia, Mondariz ou Valga, e ao longo deste ano ten previsto estar á disposición do público en arredor de 10 concellos máis.

"De Pontevedra a Río 2016" recolle o palmarés das e dos 16 deportistas que participaron nos Xogos nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. As e os 16 de "Río 2016" son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabéu Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Martín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.

Fotos