Noticias

A Deputación de Pontevedra leva a Bueu as xornadas informativas sobre o servizo de teleasistencia domiciliaria

A institución provincial atende este ano, no marco deste servizo, a preto de 600 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes


25 novembro 2018
Servizo de teleasistencia domiciliaria

Bueu acollerá este próximo martes 27 de novembro unha sesión informativa sobre a teleasistencia domiciliaria, servizo que a Deputación de Pontevedra financia en colaboración con 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes cos que ten asinado un convenio de colaboración. Concretamente, a xornada vaise desenvolver, a partir das 18:30 horas, no Centro Social do Mar, e nela prevese que tomen parte 20 persoas.

Estas charlas informativas que promove a institución provincial teñen como finalidade dar a coñecer á veciñanza a importancia deste servizo para previr e atender situacións de risco. Neste ano 25 concellos solicitaron que se leve a cabo este tipo de sesións informativas, que achegan á cidadanía o funcionamento do programa.

O ano pasado, a Deputación organizou 17 destas xornadas informativas, o que permitiu duplicar o número de solicitudes mensuais do servizo de teleasistencia. Do mesmo xeito, tamén permitiron aumentar a visibilidade do servizo, que neste ano atende a preto de 550 persoas de 46 concellos da provincia.

A teleasistencia domiciliaria permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida que isto implica. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de "mans libres" dos teléfonos móbiles.

Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas. O servizo complétase con visitas regulares aos usuarios e usuarias co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas e xornadas de convivencia.

O obxectivo fundamental do servizo de teleasistencia é permitir a permanencia das persoas usuarias no seu medio de vida habitual e o contacto permanente co seu entorno socio-familiar, evitando o illamento social, a soidade e asegurando a intervención inmediata ante situacións críticas, o que repercute moi positivamente na calidade de vida destas persoas.