Noticias

A Deputación de Pontevedra inviste máis de dous millóns de euros para que 200 persoas teñan a súa primeira experiencia laboral en concellos e servizos da institución

Esta actuación enmárcase, tal e como subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na aposta do novo goberno da Deputación de Pontevedra polo emprego e a formación


15 xan 2016
práctica
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a aprobación na Xunta de Goberno do Plan de Práctica Laboral, a través do cal a institución provincial destina máis de dous millóns de euros para que 200 bolseiras e bolseiros da provincia, cunha titulación universitaria ou superior de formación profesional e sen experiencia laboral, poidan realizar, durante un ano, a súa primeira práctica profesional en concellos de menos de 50.000 habitantes e nos servizos da institución provincial. En concreto, 166 persoas terán a súa primeira experiencia laboral nos concellos e 34 nos servizos da Deputación de Pontevedra.

Carmela Silva destacou que "o emprego e a formación son unha aposta fundamental do novo goberno da Deputación" e subliñou que "desde as administracións debemos facer todo o posible para dotar de recursos económicos actuacións que fomenten o emprego e o crecemento económico". Ao respecto Silva engadiu que "durante o 2016 investiremos 15,3 millóns de euros, un 20,5 % máis do que destinaba a anterior corporación ao fomento do emprego e á formación".

Ademais, a presidenta da Deputación destacou "que a estas 200 bolsas hai que sumarlles os 1.550 empregos enmarcados no Plan Concellos, así como as bolsas para empresas da provincia que aprobaremos nos vindeiros días. En total estamos a falar de que máis de 2.000 persoas atoparán emprego durante o 2016, con condicións e salarios dignos, grazas á Deputación de Pontevedra".

SMARTPEME

Pola súa banda, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou esta mañá "a contratación -en palabras de Silva- transparente, xusta e equitativa, a diferenza do que acontecía coa anterior corporación, por 607.420 €, do servizo de deseño, posta en marcha e xestión da rede SMARTPEME, para a xestión dos seis centros provinciais de asesoramento empresarial nas localidades de Ponteareas, O Porriño, Vigo, Pontevedra, Cambados e Lalín".

Carmela Silva destacou que "SMARTPEME substitúe o anterior proxecto CPAE 2.0, incorporando cambios significativos e unha nova estratexia centrada en achegar valor ás empresas, así como en prestar un servizo individualizado baseado nas demandas de pemes e autónomos en materia de novas tecnoloxías". Silva engadiu que "SMARTPEME traballará en estreita colaboración cos axentes empresariais da provincia de Pontevedra poñendo, ademais, a disposición das pemes e os autónomos casos de éxito do emprego que teñen acontecido en diferentes empresas e comunidades".

Material deportivo

A presidenta da Deputación de Pontevedra informou tamén da adxudicación, por 128.876 €, da subministración de diverso material deportivo a clubs da provincia de Pontevedra, cun aforro de case o 50 % con respecto ao prezo de saída do concurso. Neste contexto, Carmela Silva informou que "ao longo do 2016 volveranse convocar novas liñas de axudas para que os clubs poidan solicitar material, en concorrencia competitiva e en igualdade de condicións".

Conectadas

A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou o expediente de contratación, por valor de 321.433 €, da xestión e execución do programa Conectadas, dirixido a favorecer o asociacionismo das mulleres. En concreto, a presidenta da institución provincial recordou que a través deste programa se desenvolverán 46 accións formativas clasificadas en oito bloques temáticos: Iniciativas sostibles para o emprego, Artes visuais, Actualízate, Coas túas mans, Porque ti o fas, Súmate ao cambio, Ponte en forma e Coidados persoais.