Noticias

A Deputación de Pontevedra inicia este mes as emisións en "streaming" dos seus plenos e actos institucionais

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que se trata dunha ferramenta máis coa que a institución aposta pola transparencia e a participación cidadá


15 sep 2016
Carmela Silva
Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra comeza este mes as retransmisións en streaming, en directo a través de Internet, dos seus Plenos e demais actos institucionais desenvolvidos nas dependencias provinciais. A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que "mañá se fará unha proba a nivel interno para validar o seu bo funcionamento, a calidade de imaxe e de son e comprobar que ofertamos un produto de calidade" e sinalou a data da primeira emisión pública para a cidadanía: o Pleno que se celebrará o vindeiro venres 30 de setembro".

Foi o pasado mes de xullo cando se adxudicou, mediante resolución presidencial, a contratación de adquisición de material técnico especial necesario para a retransmisión en streaming dos plenos provinciais así como os diversos actos institucionais que se desenvolven nas dependencias provinciais.

Tres cámaras de vídeo HD dixital, un módulo de vídeo-gravación, unha unidade de codificación e streaming, un monitor de 20 polgadas… Son só algúns dos elementos que integran os subministros outorgados por un importe de 15.450 €.

Deste xeito, a Deputación amosa o seu compromiso coa transparencia e cos principios de participación cidadá, "por iso lle dou moita importancia, xa que ademais así a cidadanía pode construír as súas propias posicións e valoracións do que alí acontece", sinalou Carmela Silva.

Lembramos que aínda que os plenos son públicos, deste xeito se facilita que a cidadanía os poida seguir en directo sen necesidade de desprazarse ata o Pazo provincial, soamente cunha conexión a Internet dende un ordenador, un teléfono móbil e calquera outro dispositivo electrónico que admita a reprodución de vídeo en directo.

A Presidenta da Deputación sinalou que esta actualización é necesaria "para nos adecuar aos tempos dixitais" e que vén enmarcada "na aposta que dende esta administración pública se está a facer polas TIC, as tecnoloxías da información e da comunicación, non só para axilizar as tramitacións da cidadanía, senón tamén para que accedan a toda a información e todos os servizos que están á súa disposición", motivo polo que animou a todos os concellos "a que empreguen estas tecnoloxías". Silva lembrou que precisamente a Deputación, a través do Plan Concellos 2016, achegou "preto de 27.000 € ao concello de Vilagarcía de Arousa para o subministro dunha ferramenta de gravación e postminutaxe das sesións plenarias".

A Deputación de Pontevedra aposta deste xeito pola remodelación da súa imaxe en Internet, tanto a través da renovación da páxina web para se adecuar á nova imaxe da Deputación e mellorar as deficiencias que presenta na actualidade, que a Presidenta sinalou que se espera estrear en breves (lembramos que este verán se estreou tamén a nova páxina web de Turismo Rías Baixas, "unha aposta moi seria"), como dotando de contidos ás súas redes sociais, en especial a canle de YouTube, onde se poderán atopar as sesións plenarias e demais actos retransmitidos en streaming, malia que se atoparán tamén publicados na páxina web da institución, www.depo.es.