Noticias

A Deputación de Pontevedra inicia as obras para a mellora da seguridade viaria no treito antigo da EP-6408 de Merza a Bascuas, en Vila de Cruces

A empresa adxudicataria para levar a cabo estas actuacións é Nexia Infraestructuras, S. L. U., cun orzamento de preto de 50.000 euros


06 agosto 2019
mellora da seguridade viaria no treito antigo da EP 6408 de Merza a Bascuas

A Deputación de Pontevedra acaba de comezar as obras para mellorar a seguridade viaria no treito antigo da EP-6408 que vai de Merza a Bascuas, no concello de Vila de Cruces. A actuación foille adxudicada á empresa Nexia Infraestructuras, S. L. U., cun orzamento de 46.760,21 euros.

Máis polo miúdo, as obras contemplan o fresado e a reposición do firme en varios treitos da estrada. Amais, en dous tramos realizarase a execución do paquete de firme completo coa escavación da caixa, e efectuarase unha regularización dun centímetro de espesor mais catro centímetros de capa de rodaxe en toda a superficie viaria. A actuación tamén contempla a construción de 25 metros de muro de cachotaría para soster a plataforma da zona ampliada.

Por último, o proxecto inclúe a instalación de dous redutores físicos de velocidade de vehículos coa súa sinalización vertical correspondente, así como a realización do recrecido de tapas de pozos, o pintado da sinalización horizontal e a disposición da sinalización vertical. As obras teñen un prazo de execución dun mes.