Noticias

A Deputación de Pontevedra inicia a súa presenza na feira Culturgal coa performance ‘A última cea', da artista Uxía Morán

Carmela Silva salientou que a durísima acción, que amosa a violencia e a represión contra as mulleres, "usa a cultura para mobilizar, e precisamos desa conciencia"


29 novembro 2019
Culturgal

Coa impactante acción artística contra as violencias machistas A última cea, de Uxía Morán, a Deputación iniciou hoxe a súa presenza na Feira das Industrias Culturais (Culturgal) en Pontevedra. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou esta "durísima" performance destacando que "é unha acción que usa a cultura para concienciar, para mobilizar, e que fai que se che rompa algo por dentro, porque precisamos desa conciencia".

Silva salientou que "unha das cuestións más relevantes no ámbito da cultura é visibilizar o que as mulleres achegan á cultura galega. Hai unha gran revolución cultural na nosa terra e ten nome de muller. Ademais, son mulleres comprometidas coa igualdade, coa loita contra as violencias machistas". Engadiu que "a cultura é ese elemento transformador que permite cambiar o mundo, e as mulleres temos que estar aí para cambiar este mundo e melloralo. Sen dúbida, ímolo facer".

Coa acción A última cea Uxía Morán quixo facer fincapé na represión e na violencia que sufriron as mulleres na ditadura: encarceradas, fusiladas, obxecto de torturas e vexacións; pero tamén vítimas da represión ideolóxica e de xénero como mulleres subordinadas ao home, ligadas ao fogar, afastadas da vida pública e centradas no coidado das fillas e fillos e en satisfacer o marido. Morán protagonizou esta acción vestida de noiva e levando unha bandexa, que lle caeu en repetidas ocasións a causa destes golpes invisibles pero evidentes, para finalizar cun agónico baile entre pratos rotos.

Nesta nova edición, a Deputación participa activamente cun punto informativo no Culturgal que, ao longo destes días, acollerá múltiples actividades e dará a coñecer a oferta cultural da institución e de 40 concellos da provincia. Así, tras esta performance, as actividades da institución provincial continuarán o sábado 30 de novembro, no que se darán a coñecer no seu punto informativo as propostas culturais dos 40 concellos da provincia en dúas sesións, que terán lugar ás 12.30 e ás 19 horas. Ademais de estar presente na primeira desas presentacións a presidenta da Deputación tamén asistirá pola mañá ao adianto da película María Solinha, do realizador Ignacio Vilar e na que colabora a institución provincial. O acto terá lugar no Espazo Foro ás 13.30 horas.

Pola tarde Silva estará neste mesmo espazo, ás 17.45 horas, para presentar o libro do pontevedrés Diego Piay María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas baixo a sombra dun castelo. Na mesma xornada, ás 18.30 horas, a presidenta amosará no Espazo Arte Contemporánea os contidos da quinta edición do programa de igualdade "Mulleres en acción. Violencia zero".

O último día da feira Culturgal Silva presentará no Espazo Foro, a partir das 11.3o horas, as liñas da programación cultural da Deputación para o vindeiro ano, que estará centrada, como xa destacara a presidenta da institución provincial, no lema "17 obxectivos, 61 horizontes", enmarcado nos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible marcados pola Axenda 2030. Por outra banda, no punto informativo da institución provincial terá lugar, ás 12 horas, a presentación da cuarta edición dos Premios María Luz Morales de ensaio sobre o audiovisual, organizados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas. E ás 12.30 presentarase no mesmo lugar o libro Eu son Carolina, de Javier Carballo, un mozo de Valga que quixo recuperar a imaxe da Bela Otero, a valguesa de sona mundial.

Fotos