Noticias

Impulso dunha nova estratexia para a xuventude da provincia

Trátase da primeira vez que a institución provincial ten en conta a mocidade e elabora políticas específicas para atender as súas necesidades e demandas


10 febreiro 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a deputada delegada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, deron a coñecer esta mañá o traballo que se está a desenvolver na institución provincial para impulsar unha nova estratexia para a xuventude da provincia. Silva engadiu que "ata que nós comezamos a gobernar na Deputación a xuventude era invisible, non se tiñan en conta nin as súas necesidades nin as súas demandas, e hoxe é protagonista da acción política".

No marco da nova forma de actuación política do Goberno provincial, en palabras de Silva, "de abrir as portas e as fiestras do Pazo provincial á cidadanía, cada vez que poñemos en marcha un proxecto convocamos a cidadanía para que se converta nun proxecto conxunto que naza das achegas da sociedade". Neste contexto, o Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra acolleu un encontro coas Oficinas de Información Xuvenil, OMIX, dos concellos da provincia co fin de recompilar e diagnosticar as principais necesidades que teñen as mozas e mozos de Pontevedra e que se centran na demanda de mellores equipamentos e instalacións, así como de espazos específicos para a xuventude; no impulso de actividades para promover a súa autonomía e participación; na educación en valores, actividades de formación, acceso ao mercado laboral e alfabetización dixital; nas melloras no transporte público para frear a dispersión da poboación e no aumento ata os 35 anos de idade do colectivo en todos os programas.

A nova estratexia para a xuventude da provincia de Pontevedra incluirá tanto as actividades que de xeito transversal están a desenvolver os distintos servizos da Deputación de Pontevedra con impacto na mocidade coma propostas concretas organizadas desde o novo Servizo de Xuventude. En concreto, a presidenta da Deputación adiantou que "imos poñer este ano en marcha os primeiros Premios Provinciais de Xuventude, dirixidos a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, que estarán dotados con 21.000 €, en sete categorías, co obxectivo de promover o talento e o potencial da xuventude da provincia de Pontevedra".

Os I Premios Provinciais de Xuventude premiarán a mellor iniciativa social dunha asociación ou empresa con participación xuvenil con dous premios que consisten en 2.000 e 1.000 €. Tamén se premiarán, con dous galardóns de 2.000  e 1000 €, iniciativas empresariais xestionadas e levadas a cabo coa xuventude. Outra das categorías dos I Premios Provinciais de Xuventude centrarase nos blogs que promovan a igualdade, a educación en valores, formación, asesoramento, voluntariado, cuestións culturais, deportivas… Nesta categoría entregaranse tres premios que consistirán en 1.500, 1.000 e 500 €. Tamén recibirán dous galardóns, de 2.000 e 1.000 €, os centros de educación secundaria que presenten iniciativas innovadoras relativas ao fomento da tolerancia, do respecto ou da non violencia.  

Por outra banda, premiaranse os mellores traballos musicais inéditos de calquera estilo musical en CD con tres premios de 1.500, 1.000 e 500 €, ao igual que acontecerá na categoría de traballo literario breve, na que se entregarán tres premios aos mellores textos orixinais e inéditos.  Xa para rematar, premiaranse as mellores fotografías orixinais e inéditas sobre temática libre tamén con tres galardóns.

Ademais dos Premios Provinciais de Xuventude, a presidenta da Deputación de Pontevedra falou doutra das actuacións que está a promover o Servizo de Xuventude da institución provincial, como é o programa Depo Aventura A Lanzada. Neste contexto, Carmela Silva asegurou que, "amais das 300 prazas gratuítas que impulsamos o pasado ano para familias sen recursos e que reeditaremos este ano, como novidade e partindo de que somos conscientes da necesidade de que a mocidade sexa capaz de comunicarse perfectamente en inglés, este verán imos impulsar actividades de inmersión lingüística neste idioma nos campamentos da Lanzada".

Ademais, a presidenta da Deputación subliñou que desde o Servizo de Xuventude da institución provincial se impulsarán outras actividades e programas centrados no fomento da autonomía e emancipación xuvenil; no impulso da calidade de vida da xuventude no medio rural; na proxección dunha imaxe social positiva da xuventude; no fomento da educación en valores, actitudes e pautas de comportamento solidarias; na promoción dos hábitos saudables e prevención da violencia, así como na colaboración institucional para optimizar recursos e actuacións dirixidas á xuventude.