Noticias

A Deputación de Pontevedra impulsa un novo convenio para a recollida e o tratamento de vehículos abandonados en concellos de menos de 50.000 habitantes

A institución provincial envioulles xa aos concellos a documentación para beneficiarse desta actuación


21 feb 2016

A Deputación de Pontevedra impulsa un novo convenio para a prestación dun servizo concertado de recollida de vehículos abandonados e o seu posterior tratamento nos concellos da provincia con poboación inferior a 50.000 habitantes. Co fin de informar os concellos a institución provincial enviou xa a documentación, na que se especifican as prescricións técnicas do servizo para beneficiarse desta actuación. O convenio será asinado nun acto conxunto ao que se convocarán todas as alcaldesas e todos os alcaldes dos concellos con poboación inferior a 50.000 habitantes.

A recollida de vehículos abandonados e a súa posterior xestión, segundo a lexislación vixente, é unha competencia propia dos concellos. Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra ten entre os seus fins garantir a prestación integral e adecuada dos servizos de competencia municipal en todo o territorio da provincia, así como darlles soporte aos concellos na tramitación de procedementos administrativos e na realización de actividades materiais e de xestión, asumíndoas cando aqueles llas encomenden.

Por iso, a institución provincial, consciente do incremento do número de vehículos abandonados, acordou impulsar un servizo concertado de recollida de vehículos en concellos de menos de 50.000 habitantes. A través del, sen custo ningún para o municipio, recóllense e transpórtanse vehículos abandonados, nun prazo máximo de 5 días contados desde a data do requirimento do concello.

O novo convenio, que se asinará nun acto público no que participarán as alcaldesas e os alcaldes dos concellos beneficiarios, terá unha duración de dous anos a partir da sinatura, prorrogable por outros dous anos máis por mutuo acordo das partes.