Noticias

A Deputación de Pontevedra impulsa actuacións formativas en Ponteareas no marco do programa Depoemprega

O Centro de Desenvolvemento Local Ribadetea acollerá dez participantes nun curso de limpeza


24 feb 2016

No marco do programa Depoemprega da Deputación de Pontevedra, entre o 22 de febreiro e o 15 de abril, de 16:00 a 20:00 horas, o Centro de Desenvolvemento Local Ribadetea de Ponteareas acolle un curso de limpeza dirixido a 10 persoas beneficiarias do programa. A formación teórica do curso, que remata o 15 de abril, compleméntase cun período de prácticas de 10 días de duración.

O programa Depoemprega, impulsado pola Deputación de Pontevedra, está dirixido a 110 persoas desempregadas dos concellos de Tui, Ponteareas, Cangas, Bueu, Vilagarcía de Arousa, A Estrada e O Grove que cumpren algún dos seguintes requisitos: ter algunha discapacidade, ser menor de 30 anos e contar cunha baixa cualificación, ser perceptora de prestacións, recibir algún subsidio por desemprego ou renda activa de inserción, ser beneficiaria do programa de recualificación profesional, ou ben ser muller ou persoa desempregada de longa duración.

Depoemprega combina accións de intermediación laboral con información, orientación e asesoramento; formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas; técnicas de coaching, intelixencia emocional e motivación para a busca de emprego; habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista; fomento da capacidade emprendedora; prospección empresarial; emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes; formación para o emprego; mobilidade laboral; prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas; así como todas aquelas accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas demandantes de emprego incluídas no programa.