Noticias

A Deputación de Pontevedra financia tres novas achegas para Vilagarcía de Arousa por cerca de 450.000 euros

Con estes investimentos do Plan Concellos 2019 financiarase a urbanización no Piñeiriño e o Plan de asfaltados nos camiños rurais


31 marzo 2019
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno tres novos investimentos por un valor de 449.104,71 euros para Vilagarcía de Arousa con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, 143.663,33 euros para o Plan de asfaltado nos camiños rurais 2019 (2ª fase), outros 205.971,94 euros para a humanización e mellora de accesibilidade na urbanización O Piñeiriño, e 99.469,44 euros para financiar o Plan de asfaltado nos camiños municipais 2018 (1ª fase).

Máis polo miúdo, na urbanización do Piñeiriño vaise realizar unha reordenación xeral do barrio coa finalidade de mellorar a accesibilidade e dar prioridade ao uso da vía pública por parte das e dos peóns, mediante a ampliación das beirarrúas a costa de reducir a calzada e substituíndo en algunhas rúas os estacionamentos en liña polos de batería.

Pola súa banda, os camiños de titularidade municipal que se van a mellorar localízanse na rúa do Charco-Loenzo (Rubiáns); travesía O Nogueirido (Bamio); rúa Monte Xaquín e Quinteiro da Laxe; rúa Marmelo A Laxe; rúa do Xogo-Faxilde; rúa de Aralde e camiño Prata (Aralde); rúa Baixada a Pasos, rúa a Pedra, camiño Balada, rúa Veiga, camiño Borrizos (Cornazo); rúa Hospital do Salnés, rúa Rubiáns de Abaixo (Rubiáns); rúa da escola e rúa do Xisto (Solobeira); travesía Nosa Señora do Anxos, travesía Loureiro e travesía rúa Xiabre (Trabanca Sardiñeira); travesía rúa Congostra (Castrogudín); avenida Berdón (A Torre) e travesía Pablo Picasso.