Noticias

A Deputación de Pontevedra financia catro novas actuacións no Condado-A Paradanta co Plan Concellos

Con máis de 160.000 euros levaranse a cabo obras de mellora e acondicionamento de espazos e servizos públicos en Crecente, Arbo, Covelo e A Cañiza


14 abril 2019
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra aprobou, mediante resolucións presidenciais, catro novos investimentos a comarca do Condado-A Paradanta ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2019 por un total de 160.434,64 euros. En concreto, vanse a realizar actuacións nos concellos de Crecente, Arbo, Covelo e A Cañiza.

Máis polo miúdo, destinaranse 48.683,85 euros a Crecente para a mellora e acondicionamento de viarios municipais en Albeos, Ribeira e Filgueira; 20.650 euros a Arbo para a restauración de lavadoiros e fontes; outros 57.751,06 euros a Covelo para a mellora da seguridade viaria e senda peonil na E.P. 5105 Maceira-A Graña; e, por último, 33.349,73 euros á Cañiza para o subministro e colocación de puntos de información veciñal e placas de numeración na vila.