Noticias

A Deputación de Pontevedra finaliza o acondicionamento da Estrada 7201 de Cachafeiro a Silleda para a mellora da seguridade viaria

A empresa encargada de levar a cabo este proxecto foi Construcciones Taboada y Ramos, S. L., cun orzamento de preto de 350.000 euros


06 agosto 2019
Estrada Cachafeiro-Silleda

A Deputación de Pontevedra acaba de concluír as obras de reposición do firme na estrada provincial 7201, que vai de Cachafeiro a Silleda, ao seu paso polos concellos de Forcarei e Silleda. Nesta actuación, que lle afectou a máis de 20 quilómetros, a institución provincial abordou a reposición do firme coa finalidade de mellorar a seguridade viaria e peonil nunha estrada cunha gran afluencia de tráfico ao exercer de conexión entre Pontevedra e Silleda.

A obra fóralle adxudicada á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S. L., por 335.070,78 euros. Deste xeito, executáronse as obras necesarias en diversos puntos quilométricos, comezando no P. Q. 0+840 ata o P. Q. 22+580 ao seu paso polos concellos de Forcarei e Silleda. Entre outras actuacións, o acondicionamento incluíu a limpeza e roza por ambas marxes e o fresado do firme. Para a mellora do firme utilizáronse diversos elementos, como emulsión asfáltica, formigón bituminoso ou betume asfáltico. Ademais, tamén se instalou unha tubaxe de drenaxe de PVC e procedeuse ao pintado de diversas marcas viarias reflectoras de cor branca.