Noticias

A Deputación de Pontevedra fai balance do mellor verán para as Rías Baixas

O mellor verán turístico para o destino Rías Baixas desde que hai rexistros mantivo unha ocupación entre xuño e setembro próxima ó 80%


07 out 2016
Carmela Silva e Santos Héctor Rodríguez
Carmela Silva e Santos Héctor Rodríguez

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado delegado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, fixo balance do "mellor verán para as Rías Baixas". De feito, Silva subliñou que durante o mes de setembro, o mellor dos últimos dez anos, a ocupación hoteleira na provincia foi do 73,4%, "moi superior ás nosas propias estimacións que prevían unha media de entre o 56 e o 60%", e durante todo o verán próxima ó 80%.

Por comarcas, O Salnés tivo unha ocupación do 70% no mes de setembro, 20 puntos por riba da estimación efectuada por Turismo Rías Baixas. No caso de Pontevedra, a media foi do 82% fronte ó 48% que prevía a institución provincial. O Morrazo acadou o 53%, case dez puntos por riba das estimacións do servizo de turismo da Deputación e Caldas o 88%, tamén case dez puntos por encima. A comarca de Vigo rexistrou unha ocupación hoteleira en setembro do 75%, 5 puntos por riba da estimación efectuada por Turismo Rías Baixas. Pola súa banda, O Baixo Miño tivo unha ocupación do 60%, O Condado e A Paradanta do 76% fronte ó 50% estimado e en Deza e Tabeirós-Terra de Montes ascendeu ó 83%, máis do dobre da estimación efectuada, situada no 30%.

No caso de turismo rural, a ocupación acadou o 35%, superior ós resultados de xuño, e con maiores porcentaxes nas comarcas do Salnés, Pontevedra, Baixo Miño e Caldas.

Os turistas que chegaron a Rías Baixas en setembro fixérono motivados pola súa cultura (31%) e pola oferta de ocio en xeral (23%).

A presidenta da Deputación de Pontevedra fixo tamén un balance dos resultados acadados no sector turístico en toda a temporada estival. Neste eido, Carmela Silva subliñou que se ben "a comezos de xullo estimábamos unha ocupación do 77,65% para xullo e agosto, os resultados finais poñen de manifesto que superamos moi por riba a nosa previsión, chegando ó 85,6%".  Ademais, Silva engadiu que durante todo o verán, entre xuño e setembro, a ocupación hoteleira superou o 78,15% fronte ó 62% que estimaba Turismo Rías Baixas.

Por comarcas, O Salnés tivo unha ocupación durante o verán do 81,5%, vinte puntos por riba das previsións de Turismo Rías Baixas para todo o verán nesta comarca. No caso de Pontevedra rexistrou unha ocupación media en xuño, xullo, agosto e setembro do 76% fronte ó 43% que estimábamos. Pola súa banda, a comarca do Morrazo tivo entre xuño e setembro unha ocupación do 75%, similar ás nosas previsións, e Caldas superou o 83%, máis de trinta puntos por riba da estimación do servizo de turismo da Deputación. A comarca de Vigo entre xuño e setembro de 2016 tivo unha ocupación do 84%, 34 puntos por riba das previsións de Turismo Rías Baixas. No caso do Baixo Miño rexistrouse unha ocupación media do75%, similar ás nosas previsións, na Paradanta e no Condado superouse o 74%, dez puntos por riba das estimacións, e en Deza e Tabeirós-Terra de Montes o 78%, vinte puntos por encima das previsión de Turismo Rías Baixas.

Os principais motivos polos que os turistas chegaron ata Rías Baixas durante este verán están relacionados con aspectos culturais (44%) e ocio en xeral (17%).

A presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer tamén o número de visitantes que chegaron ata as oficinas de turismo atendidas por persoal da institución provincial. En total, tal e como destacou Carmela Silva, chegaron ata as oficinas de turismo 80.000 persoas sendo a do Palacete das Mendoza, en Pontevedra, a oficina co maior número de visitantes, cunha media mensual que supera os 5.000 turistas, seguida das oficinas do Grove, Aeroporto de Peinador, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Cangas, Illa de Arousa e Mosteiro de Armenteira.

Carmela Silva manifestou a súa satisfacción por ser, este verán, Rías Baixas unha das áreas turísticas co maior incremento de turistas do noso país. De feito, a presidenta da Deputación subliñou que este verán rexistrou os mellores datos de crecemento desde que o INE ten rexistros. Segundo este instituto, o número de viaxeiros medrou nas Rías Baixas en verán un 31% fronte ó 2015, moi por riba do crecemento de toda a comunidade autónoma galega, que está no 27%.

No que levamos de 2016 rexistráronse na provincia 2,1 millóns de pernoctas, un 11% máis que en 2015, e chegaron ata Rías Baixas 900.000 viaxeiros, o que supón o 30% dos turistas que chegan a Galicia. Tamén se incrementou a chegada de turistas estranxeiros ata o 31%.

A presidenta da Deputación de Pontevedra felicitou ó deputado delegado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, polo "excelente traballo que están a desenvolver en Turismo Rías Baixas para estar ó lado do sector turístico" e subliñou "a aposta do goberno institucional por este sector, que tanto aporta ó PIB na nosa provincia, co fin de convertelo nun referente no conxunto de España".