Noticias

A Deputación entrégalle ao Concello de Sanxenxo o "plan director do pazo de Quintáns"

Este plan, no que a institución provincial investiu 72.598,79 €, responde a un compromiso da institución provincial co Concello de Sanxenxo


15 xan 2016
sanxenxo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, entregoulle hoxe ao alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, o plan director do pazo de Quintáns, co que dá por cumprido o compromiso que a institución provincial adquirira co concello. A Deputación de Pontevedra investiu 72.598,79 € na elaboración e redacción do plan director do pazo de Quintáns.

Na actualidade o pazo de Quintáns, cuxa titularidade pertence ao Concello de Sanxenxo, atópase nun estado de deterioro considerable, pese a tratarse dun ben do patrimonio cultural da provincia de Pontevedra. Neste contexto, Carmela Silva manifestou que "o plan director expón un uso acorde coa historia e o contorno do pazo de Quintáns" e, ademais, adiantou que ese emprego "podería consistir na posta en marcha dun museo que inclúa os achados da Lanzada".

Carmela Silva destacou que a través do plan director, elaborado pola Deputación de Pontevedra, "se pretende dotar a esta edificación dun uso acorde coa súa historia e o seu contorno, co obxectivo de que a Xunta de Galicia o declare Ben de Interese Cultural (BIC) para que poida optar ao 1,5 % que destina o Ministerio de Fomento ao programa de Cultura".