Noticias

A Deputación de Pontevedra entra no Consello de Goberno da nova Rede Local para a Axenda 2030

A Rede, que realizou hoxe a súa asemblea constitutiva, integra a 167 entidades que representan a máis de 16 millóns de persoas e coordinará aos gobernos locais na aplicación dos ODS.


21 outubro 2020
Consello de Goberno da Rede de Entidades Locais para desenvolver os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030

A Deputación de Pontevedra, veu referendada hoxe a súa aposta irrenunciable polo medio ambiente e a transición ecolóxica como eixe transversal das súas políticas, coa súa elección como vocal, na figura da presidenta, Carmela Silva, do Consello de Goberno da Rede de Entidades Locais para desenvolver os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 (REDODS) impulsada pola FEMP, unha Rede composta polos gobernos locais que se comprometen a localizar e aplicar os 17 ODS de forma transversal nas súas políticas.

A Rede presidida polo alcalde de Palma, José Ila, realizou hoxe a asemblea constitutiva que aprobou os nomeamentos do Consello de Goberno, o Plan de traballo e orzamento anual así como as normas de funcionamento. Integra a un total de 167 entidades locais adheridas entre concellos, deputacións, consells e cabildos, que representan a máis de 16 millóns de persoas.

A actividade está dirixida a favorecer a coordinación de actuacións entre os gobernos locais co fin de acadar mellores resultados na aplicación da Axenda 2030 en municipios e provincias e, nese senso, lles ofrece ferramentas para que alcancen os obxectivos. Ademais, aportará pautas, información e propostas para facer fronte á crise provocada pola COVID-19, tendo moi presente unha das principais premisas da Axenda 2030: non deixar a ninguén atrás.

Entre os obxectivos da REDODS está a promoción do coñecemento e sensibilización dos ODS nas entidades locais, así como o fortalecemento do papel estratéxico que estas entidades xogan no desenvolvemento da Axenda 2030 en España, promovendo o traballo en rede, o intercambio de experiencias e a procura de alianzas que impulsen políticas de cohesión a nivel local e unha adecuada articulación entre os ámbitos central, autonómico e local. Neste momento, o traballo cos gobernos locais en liñas de actuación trala crise sanitaria será outro dos fins prioritarios, a fin de dar unha resposta no territorio aliñada coa Axenda 2030.

A adhesión da Deputación de Pontevedra á Rede, que foi aprobada este verán polo pleno da corporación, e a súa elección hoxe para formar parte do Consello de Goberno, supón un novo chanzo do compromiso por unha provincia sostible que ten a institución provincial, na que a axenda medioambiental e a igualdade marcan as políticas desde a entrada do actual Goberno hai cinco anos e constitúen a súa folla de ruta. De feito, a Deputación de Pontevedra alcanza actualmente un cumprimento ao 100 % da Axenda 2030 cos programas e actividades en marcha relacionadas con cada un dos 17 ODS.