Noticias

A Deputación de Pontevedra e o concello lucense de Alfoz abren liñas de colaboración para a posta en valor da figura de Pardo de Cela

Carmela Silva recibiu ao tenente de alcalde, Xabier Pardiñas, e se comprometeu a estudar "todas as vías posibles para que o cadro do mariscal, que alberga o Pazo, poda exporse na localidade lucense"


20 maio 2017
Pardo de Cela

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva comprometeuse hoxe co tenente de alcalde de Alfoz, Xabier Pardiñas, para que o cadro do mariscal Pardo de Cela, instalado na Sala de xuntas do Pazo provincial, poda ser exposto na localidade lucense "sempre e cando non existan problemas técnicos que o desaconsellen"

O mariscal foi señor das terras de Alfoz polo século XV e nesta localidade mantense vestixios da súa vida no castelo de Castrodouro, aínda que a única imaxe que existe de Pedro Pardo de Cela é o cadro exposto na Deputación de Pontevedra. De feito, Carmela Silva subliñou hoxe que o cadro do mariscal preside todos os venres a Xunta de Goberno xa que se atopa fronte a mesa na que reúnese o Goberno provincial .

Tras o encontro con Xabier Pardiñas, a presidenta subliñou que a Deputación e o Concello de Alfoz van establecer unha canle de colaboración institucional para realizar actuacións conxuntas para poñer en valor a figura deste mariscal que "é de Alfoz pero que pertence a toda Galicia. E para que, ademais, toda a provincia de Pontevedra coñeza que nesta sala da Deputación está a única imaxe de Pardo de Cela".

Silva recordou que Pardo de Cela é un dos protagonistas da historia de Galicia "xa que foi un dos nobres que resistiu fronte os Reis Católicos que Galicia caera baixo o seu xugo aínda que finalmente así aconteceu. Pardo de Cela foi un home que defendeu a autonomía de Galicia".

O cadro de Pardo de Cela foi pintado por Manuel Ángel Álvarez, natural da Guarda, e doado por el á Deputación de Pontevedra, no ano 1883, a cambio dunha beca de 1.000 pesetas para realizar estudos en Madrid e Florencia.  Foi presentado na Exposición do Ministerio de Ultramar, inaugurada polos Reis de España e Portugal en Madrid, titulando a obra El Mariscal Pedro Pardo de Cela. Precisamente con este feito, Silva subliñou que a partir de esa bolsa para Manuel Ángel, se crearon na Deputación as axudas para a formación dos pintores que puideron gozar Laxeiro, Colmeiro ou Maside.

Por último a presidenta comprometeuse a realizar unha viaxe a Alfoz para coñecer o castelo de Castrodouro, outro dos vestixios do mariscal, que ademais está reflectido no cadro.

O tenente de alcalde de Alfoz, Xabier Pardiñas, que entregou á presidenta unha "belísima réplica do castelo", agradeceu o recibimento de Carmela Silva e o seu compromiso para explorar algunha posibilidade de que o cadro poida saír da Deputación de Pontevedra para que as súas veciñas e veciños poidan ver esta imaxe do mariscal Pardo de Cela.