Noticias

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Gondomar colaborarán en proxectos comúns para toda a lexislatura

O Concello do Val Miñor recibe este ano case 900.000 euros do Plan Concellos da institución provincial, un 24 % máis que en 2015


09 feb 2016
Colaboración Deputación Concello de Gondomar

Na súa primeira visita oficial a Gondomar a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, garantiulle ao alcalde, Francisco Ferreira, a máxima colaboración da institución para estudar algún dos proxectos que o Concello ten previstos para esta lexislatura.  O municipio do Val Miñor recibe este ano 875.932 euros dentro do reparto equitativo do Plan Concellos da Deputación, 170.000 euros máis que no pasado ano 2015, un 24 % máis.

Silva explicou o novo modelo provincial, que terminou coa discriminación na repartición do financiamento, "de tal forma que agora todos os concellos da provincia saben con canto diñeiro van contar, e que, ademais, se realizou por primeira vez con criterios obxectivos e transparentes". Precisamente, Gondomar foi un dos primeiros concellos da provincia que solicitou financiamento para a contratación de 19 traballadores co fin de responder ás necesidades deste municipio do Val Miñor, dentro do novo plan de emprego, que ampliou o número de horas, subiu os salarios e se modificou para adecuarse á organización do traballo nos concellos. En concreto, serán 3 peóns medioambientais, 1 palista e 15 peóns de obras públicas.

A reunión de traballo cos membros do goberno municipal desenvolveuse nun clima de total cordialidade e procura de fórmulas de entendemento. Nela a presidenta valorou a posibilidade de que a Deputación poida colaborar nalgúns dos proxectos que o Concello de Gondomar formula poñer en marcha nesta lexislatura. Os dous máis importantes son a realización de estudos para a humanización e reordenación da praza do Concello e o futuro traslado do campo de fútbol de Vincios fóra do polígono industrial da Pasaxe, no que actualmente desenvolven a súa actividade preto de 200 empresas e 3.000 traballadores.

A Deputación de Pontevedra tamén estudará a posibilidade de colaborar na elaboración do deseño doutros proxectos que expón o Concello, coma a futura ampliación do pavillón, a humanización da praza da Igrexa, a mellora do estacionamento no colexio de Peitieiros ou o peche do recinto do colexio de Vincios.

Así mesmo, a presidenta explicoulle ao alcalde Ferreira as melloras introducidas na política de anticipos aos concellos, que, cun interese do 0 %, poden dedicar ese diñeiro a investimentos prioritarios para as súas veciñas e veciños, e os detalles do Plan MOVESE, ao que Gondomar tamén presentou as melloras que se acometerán na rede de estradas provinciais que pasan polo municipio.