Noticias

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Arbo impulsarán proxectos comúns ao longo da lexislatura

O municipio da Paradanta recibe este ano do Plan Concellos máis de 400.000 euros, un 27 % máis que en 2015


09 mar 2016
Arbo

Na súa primeira visita institucional ao Concello de Arbo a presidenta da Deputación, Carmela Silva, comprometeuse co alcalde, Horacio Gil, a prestar toda a colaboración do seu goberno para traballar conxuntamente nos proxectos que ten pendentes este municipio. Arbo recibirá este ano 428.497,84 euros, 90.000 máis que en 2015, que o Concello poderá dedicar a financiar emprego, investimentos, actividades e gasto corrente. Carmela Silva lembroulle ao alcalde que, a maiores, todos os colectivos sociais, culturais, deportivos e de calquera índole tamén poden optar a subvencións e axudas que se tramitan polo sistema de libre concorrencia.

A presidenta da Deputación recoñeceu a dificultade de xestionar os escasos recursos dos municipios máis pequenos e por iso avanzou que, ademais do incremento do diñeiro do Plan Concellos, "estamos a elaborar plans de actuación en todas as áreas, como deportes, turismo, cultura ou política social. En canto teñamos as liñas xerais chamaremos a todos os alcaldes e alcaldesas para que sexan copartícipes. Para entendernos, que sexa o Concello de Arbo o que diga qué hai que facer en Arbo", sinalou.

Na reunión de traballo, que se desenvolveu nun ambiente de total cordialidade, a presidenta da Deputación comprometeuse a estudar a petición de colaboración que realizou o alcalde de Arbo para poder afrontar a reparación da rúa Antonio Tovar, unha vía municipal que quedou moi danado polos últimos temporais. "Buscaremos algunha fórmula para ver como podemos colaborar", subliñou Silva, que tamén avanzou que nas infraestruturas provinciais se destinarán todos os recursos a melloralas e reurbanizalas na maioría dos casos.

Carmela Silva trasladoulle ao alcalde un especial recoñecemento aos gobernos municipais dos concellos pequenos. "Son moi consciente do extraordinario labor que prestan, onde hai moito de compromiso a cambio de nada. Non é o mesmo ser concelleiro en Madrid ou Vigo que en Arbo, e por iso creo que o agradecemento social tamén debería ser moi grande. Creo profundamente no mundo local. Esa é a política total porque é a que está máis preto da xente".

Pola a súa banda, o alcalde, Horacio Gil, desexoulle toda clase de éxitos á Deputación "porque o seu éxito será o éxito dos concellos  e a posibilidade de que as veciñas e veciños de Arbo poidan mellorar nos seus servizos e na súa calidade de vida. Agradezo a disposición da presidenta e estou convencido de que teremos o seu apoio".

A presidenta, que asinou no libro de honra do Concello, terminou a súa visita  percorrendo co alcalde as instalacións do Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea, moi preto xa da prestixiosa Festa da Lamprea de Arbo coa que a Deputación colaborará na súa edición deste ano.