Noticias

A Deputación de Pontevedra destina unha nova achega á Guarda no marco do Plan Concellos 2017

A institución provincial leva entregado o 35,4 % do total destinado á Guarda dentro do plan, cun investimento situado en máis de 270.000 euros


16 maio 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello da Guarda no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 1.368,10 € para a adquisición dun deshumidificador industrial. O concello, deste xeito, pretende acometer accións que permitan reducir a humidade ambiental de varios dos seus edificios públicos, como o Museo do Mar ou o Pavillón municipal, xa que a alta condensación de humidade está a provocar problemas como avarías eléctricas.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara á Guarda 22.940,02 € para a realización dun plan de accesibilidade e a adquisición de equipos informáticos. Ademais, outros 92.017,69 € en liña 2 para o pagamento de gastos correntes e a realización de diversas actividades como o Entroido, a Gala do Deporte, a Feira do libro, o Campus de Verán Deportivo ou o programa "Noites de Castelao", entre moitas outras. Finalmente, 154.852,58 € cos que A Guarda puido contratar a 17 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da localidade.

Coa suma desta nova achega, A Guarda xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 35,4 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 271.178,39 € dun total de 765.000 €.