Noticias

A Deputación de Pontevedra destina preto de 250.000 € para a mellora das redes de abastecemento e saneamento de Chapela

Carmela Silva destacou a importancia do proxecto que permitirá "modernizar" estes sistemas e dotalos dunha infraestrutura "propia do século XXI, que ata agora non tiñan"


08 setembro 2017
Chapela

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, presidida por Carmela Silva, vén de aprobar unha nova concesión de case 250.000 € para Redondela, dentro da liña 1 do Plan Concellos destinada a investimentos. A subvención permitirá a reposición de servizos na contorna de Cubillón, na parroquia de Chapela, unhas obras que comprenden importantes melloras na rede de abastecemento e na de saneamento, e que permitirán dotar esta zona dunhas "infraestruturas modernas e propias do século XXI, que ata agora tiñan", segundo explicou Carmela Silva.

En concreto, a axuda de 248.202,75 € permitirá por unha parte a renovación total da rede de abastecemento, mellorando a infraestrutura existente, é dicir,  tubaxes, válvulas, etc., no camiño Real de Angorén, nas rúas Cubillón, José Fernández López, Manuel Rodríguez Casal, Laredo e na González Morant. Por outra parte, tamén se efectuarán importantes melloras na rede de fecais, actuando tanto na infraestrutura existente, pozos e tubaxes, como eliminando as conexións á rede de pluviais restituíndo o sistema separativo. O proxecto está previsto que se execute nun prazo de seis meses.

En total, a institución provincial leva destinado a Redondela 1.113.210,81  euros dos 1.160.108,35 euros que lle corresponde á vila ao abeiro do Plan Concellos, é dicir, o 95,96% do total, a través dos cales xa se están a poñer en marcha actuacións como a adquisición de colectores de saneamento, subministración dun aspirador de residuos urbanos para a limpeza, saneamento nas Nogueiriñas e na zona da estrada de Padrón, ampliación de paso superior e contención de terras na bifurcación de Chapela da liña de ADIF de Monforte de Lemos, a subministración dun palco modular para evento, gastos correntes novos e a contratación de 29 persoas para garantir os servizos básicos municipais.

Con esta última adxudicación a Deputación de Pontevedra leva aprobados investimentos para os concellos de Pontevedra por valor de máis de 21,3 millóns de euros (21.393.518,54) da liña 1 do Plan Concellos, é dicir, o 83% do orzamento total.