Noticias

A Deputación de Pontevedra destina máis de 91.000 euros a Cambados para a renovación das instalacións de alumeado público exterior

Ao abeiro do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra puxo este ano a disposición do concello un total de 1.632.202,09 euros, un 76,7 % máis que no 2017


01 setembro 2018
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova achega para o Concello de Cambados, dentro da liña 1 do Plan Concellos 2018, por un valor total de 91.137,18 euros.

Máis polo miúdo, con esta axuda o Goberno de Carmela Silva financiará a renovación das instalacións de alumeado público exterior do concello. Con esta achega, Cambados xa ten recibido 637.391,98 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 39 % do plan provincial. Co Plan Concellos 2018, a Deputación de Pontevedra pon a disposición do Concello de Cambados un total de 1.632.202,09 euros, o que supón un 76,7 % máis que o ano pasado.

Este ano a institución provincial pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 euros do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.