Noticias

A Deputación de Pontevedra destina máis de 50.000 € á Lama no marco do "Plan Concellos 2017"

A institución provincial leva entregado o 46% do total destinado á Lama dentro do Plan, cun investimento situado en arredor de 220.000 €


25 xullo 2017
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas ao concello da Lama no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 41.516,44 euros para a pavimentación dun viario e, pola outra banda, outros 13.836,35 € para a adquisición dun camión de recollida de residuos. En total, a achega provincial está situada en 55.352,79 euros.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara á Lama outros 57.408,07 € en liña 1 para a mellora de accesos e a pavimentación dun aparcadoiro e, finalmente, 104.786,90 € cos que A Lama puido contratar a 15 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, A Lama xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 46,3% do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 217.547,76 € dun total de 470.000 €.