Noticias

A Deputación de Pontevedra destina máis de 41.000 euros ao mantemento do grupo municipal de atención en emerxencias do Grove

A dotación, composta por 13 efectivos, garante unha resposta axeitada e inmediata en caso de demandas urxentes polas condicións singulares e excepcionais que concorren no municipio


18 xullo 2017
bomberos

O deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, asinou esta mañá un convenio de colaboración co alcalde do Grove, José Cacabelos, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para o mantemento do grupo municipal de atención en emerxencias do concello meco.

A Deputación de Pontevedra aporta 41.669,78 euros, case o 32 por cento do coste, para o mantemento do grupo municipal de atención en emerxencias, que se compón de 13 efectivos, e que permite dar unha resposta axeitada e inmediata en caso de demandas urxentes. A necesidade do mantemento dun grupo municipal de atención en emerxencias no Grove vén provocado polas "condicións singulares e excepcionais" que concorren neste municipio, tanto no que respecta ás súas necesidades de protección dos recursos naturais e ambientais, como debido á dificultade para preservalas cos servizos supramunicipais, segundo explicou Carlos López Font.

O deputado provincial subliñou a importancia da colaboración das tres administracións públicas para dar resposta a unha necesidade do concello meco, que ademais na época estival incrementa a súa poboación, o que xera unha maior demanda de atención en situacións de posibles emerxencias.

Así por exemplo, a situación xeográfica da península do Grove, cun único acceso ao territorio continental, provoca que os servizos de emerxencias que proveñen de fóra do concello teñan un elevado tempo de resposta nas actuacións de emerxencia. Pola súa parte, a única Unidade Marítima de Salvamento e Rescate existente debe dar servizo os 365 días do ano, durante 24 horas ao día, aos 15 quilómetros de costa e 36 areais aptos para o baño, apoiando incluso ao Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra, e prestando na tempada estival un servizo específico nas praias de bandeira azul do concello.

Tamén é necesario ter en conta a presenza de importantes empresas do sector conserveiro de transformación de produtos do mar e dunha relevante actividade industrial do sector primario, como son a pesca e a acuicultura e a riqueza ambiental do Concello do Grove, con importantes recursos naturais, marítimos e terrestres, determinantes da inclusión de áreas do seu territorio en regulamentacións protectoras de rango internacional, o que fai preciso contar cun servizo de emerxencias localizado no propio Concello que permita dar unha resposta axeitada e inmediata en caso de demandas urxentes.

Mediante este convenio o grupo municipal de emerxencias encargarase do salvamento e asistencia en praias e o rescate no mar; da vixilancia e extinción de incendios forestais, urbanos, industriais e no mobiliario urbano; da conservación do medio ambiente, da protección da natureza e a defensa forestal; da seguridade en concentracións humanas con motivo de festas, feiras, probas deportivas, actos culturais  e musicais; dos accidentes en circulación; das intervencións en inundacións e temporais, saneamentos e apuntamentos en edificacións danadas ou colapsadas; da atención sanitaria de emerxencia e colaboración no traslado urxente de persoas feridas e accidentadas; da promoción, organización e participación en todo tipo de actividades e eventos relacionados coa seguridade, protección civil e as emerxencias; da información sobre situacións de emerxencia, grave risco, catástrofe ou calamidade pública; da recollida de animais abandonados e perigosos; do control e loita contra a vespa velutina, e de calquera outra necesidade, emerxencia ou catástrofe, relacionada coa protección das persoas, os seus bens e o medio ambiente.