Noticias

A Deputación de Pontevedra destina máis de 350.000 euros para a instalación de iluminación ornamental nas pontes de Pontevedra

Con este proxecto, enmarcado no protocolo xeral da Deputación co Concello de Pontevedra, renovarase a actual iluminación nas pontes da Illa das Esculturas, dos Tirantes e das Correntes


03 maio 2019
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar o visto bo ás novas achegas ao Concello de Pontevedra por importe de 352.044,04 euros, para levar a cabo a instalación de iluminación ornamental nas pontes da Illa das Esculturas, dos Tirantes e das Correntes, proxecto ao que o Concello de Pontevedra aporta outros 88.011,01 euros.

Segundo sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, esta actuación ten por obxectivo renovar a iluminación en tres pontes que cruzan o río Lérez. Deste xeito, vaise dotar de iluminación ornamental e renovar a actual iluminación viaria na ponte das Correntes e na ponte das Illas das Esculturas, así como renovar a iluminación da ponte dos Tirantes. Ademais, co financiamento tamén se executarán as obras necesarias para a súa posta en funcionamento.

A actuación, cun orzamento base de licitación total de 440.055,05 euros (352.044,04 euros financiados pola Deputación e 88.011,01 euros polo concello), enmárcase no protocolo de colaboración asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra o 18 de novembro de 2015. "Ao longo deste tempo –destacou a presidenta–, a través do protocolo puxemos en marcha actuacións na cidade para a mellora de infraestruturas e equipamentos, respectando sempre a autonomía local e atendendo ás propias necesidades do goberno municipal".