Noticias

A Deputación de Pontevedra destina máis de 100.000 € do Plan Concellos 2017 para o acondicionamento de instalacións eléctricas en centros educativos de Nigrán

Carmela Silva denunciou o desleixo da Xunta no mantemento dos colexios e que os concellos se vexan obrigados a usar os recursos deste plan para o acondicionamento das escolas


07 abril 2017
Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar na xuntanza de hoxe unha subvención de 115.160,30 € ao Concello de Nigrán para o acondicionamento das instalacións eléctricas en varios colexios da vila.

Nunha primeira fase da obra realizarase unha análise das instalacións eléctricas existentes nos CEIP Humberto Juanes, Carlos Casares, Mallón e A Cruz de Camos así como tamén na EEI As Dunas-Panxón e na Casa da Terceira Idade, co obxectivo de coñecer a situación actual das instalacións eléctricas de cada edificio e determinar as actuacións necesarias para adaptalas á normativa vixente e reducir o seu custo de mantemento.

En concreto, os traballos que pretende realizar este concello implican novos cadros de manobra, novas redes de distribución eléctrica dos edificios, a provisión dos grupos electróxenos e novas redes de iluminación de emerxencia.

Carmela Silva insistiu unha vez máis na importancia destas axudas para permitir o desenvolvemento de proxectos necesarios para os concellos e que non serían posible sen os recursos aportados pola Deputación de Pontevedra e aproveitou para denunciar o "desleixo da Xunta de Galicia no mantemento dos centros educativos, que en moitos casos presentan un aspecto máis propio do século pasado", un feito que "obriga ás vilas a destinar parte das axudas do Plan Concellos para manter as escolas nas condicións axeitadas."

Coa concesión desta última axuda, Nigrán recibiu ata a data un total de 333.412,58 € dos 970,010,12 € previstos para esta vila dentro do Plan Concellos 2017, que xa foron destinados á contratación de 27 persoas xunto co citado acondicionamento das instalacións eléctricas, o que representa un 34,38 % do total previsto para esta vila.

O Plan Concellos 2017 dedica, na liña 1 destinada a investimentos, o 62,5 % do total do plan, cun orzamento de 25.750.000 € (fronte aos 25 millóns de 2016). En total o Plan Concellos destina 41,2 millóns de euros do orzamento da Deputación a transferencias a todos os concellos da provincia.