Noticias

A Deputación de Pontevedra destina a Mondariz unha nova achega do Plan Concellos de máis de 30.000 euros

O Goberno de Carmela Silva financiará o proxecto de execución dunha pasarela cuberta no interior do Colexio Público Integrado de Mondariz


01 novembro 2018
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, un novo investimento destinado ao Concello de Mondariz ao abeiro do Plan Concellos. Trátase esta vez dunha axuda de 30.415,49 euros para financiar o proxecto de execución dunha pasarela cuberta no interior do Colexio Público Integrado de Mondariz.

Ademais desta achega, o Goberno provincial ao través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, 355.986,88 euros na liña 1 destinados a financiar a mellora de camiños en Frades, Sabaxáns, Mouriscados e Vilasobroso; o equipamento e mellora das instalacións do auditorio do centro social de Mondariz; a mellora de camiños municipais en Cernadela (Riofrio), e nos lugares do Costal e O Coto (Sabaxáns); a mellora da accesibilidade e acondicionamento parcial da antiga escola Pé do Muíño para Centro de Formación Municipal (Fase II); a dotación de infraestruturas nos campos municipais de fútbol de A Lagoa; a adquisición dunha minicargadora e cullerón varredor; mellora e pavimentación do Camiño de Pontevedra; obras de reparación 2ª fase Escola de Redo de Vilar; a adquisición de equipamento para escola de música, axuda no fogar e pavillón municipal, a adquisición de equipamentos informáticos; o equipamento e mellora das instalacións de policía local e protección civil; e a reforma de planta baixa da casa consistorial.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra adxudicou 35.747,74 € a Mondariz para financiar o Desafío Mondariz Race 2018, a XXX Feira dos Oficios Artesáns, o Open Futbolín Rías Baixas Mondariz, a Orienta-Tea, a III Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, as xornadas de promoción dos queixos de embutidos, festas infantís con inchables, Feira do Pan, Cine de Verán na Rúa, II Ciclo Corais: Outono en Son. E tamén, outros 115.822,52 € foron destinados á financiación da contratación de 19 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego.

A Deputación destina este ano a Mondariz, ao través do Plan Concellos, un total de 877.689,41 euros, un 74,58 % máis que o ano pasado.