Noticias

A Deputación de Pontevedra destina 45.000 euros ao arranxo de instalacións deportivas de Gondomar

Trátase dun novo investimento con cargo ao Plan Concellos, que este ano destina á vila do Val Miñor 1,7 millóns de euros, un 77,2 % máis que en 2017


02 noviembre 2018
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, un novo investimento no Concello de Gondomar. Trátase de 45.042,47 euros do Plan Concellos que serán dedicados á reforma dos interiores dos pavillóns deportivos de Gondomar e Donas.

Esta actuación forma parte da Liña 1, reservada a investimentos, e súmase a outras cinco que xa foron concedidas ao longo deste ano: a reforma da contorna do Peto de Ánimas de Piñeiro, á que se destinan 70.060,29 euros; a primeira fase da reforma e pavimentación da praza da Paradela e da súa contorna, con 79.882,05 concedidos este ano e outros tantos o ano próximo; obras de urbanización na rúa da Igrexa por un importe de 69.975,11 €; e a primeira fase reforma e pavimentación do camiño de Sequeiros, para o que a Deputación aportará 165.075,55 euros.

Na Liña 2 a Deputación concedeu un total de 18 subvencións, entre as que destacan  as destinadas ao Gondoverán 2018, cun importe de 15.455,36 euros; o 35º aniversario do Conservatorio, ao que se destinaron 11.244,40 €; a guía de Turismo, con 6.240 euros; diferentes cursos para maiores (memoria, ximnasia de mantemento e informática básica), que suman preto de 11.500 euros; un curso destinado a 30 mozas e mozos para aprender o oficio de operador de carretillas elevadoras, cun importe total de 3.510 euros; unha aula de teatro, por 5.888 euros; ou a IIIª Gala do Deporte de Gondomar, na que se investiron 7.913 euros da Deputación.

Pola outra banda, con cargo á Liña 3 do citado Plan Concellos, que se destina ao emprego, Gondomar recibiu 218.552,34 euros destinados á financiación da contratación de 20 traballadoras e traballadores para a súa incorporación ao persoal do Concello. Este ano co Plan o Goberno de Carmela Silva destina a Gondomar 1.667.227,04€, un 77,2 % máis que en 2017.


Novas relacionadas