Noticias

A Deputación decidirá en xaneiro os proxectos elixidos para instalar os primeiros centros de compostaxe comunitarios

O vicepresidente provincial, César Mosquera, mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes dos concellos para consensuar as bases coas que facer a selección


05 nov 2015
Reunión para a selección de proxectos de compostaxe comunitaria
Reunión para a selección de proxectos de compostaxe comunitaria

A Deputación de Pontevedra decidirá no vindeiro mes de xaneiro cales serán os proxectos elixidos para a instalación dos primeiros centros de compostaxe comunitarios na provincia. Esta data foi acordada logo da reunión mantida hoxe entre o vicepresidente provincial, César Mosquera, e alcaldes e concelleiros dos municipios pontevedreses para consensuar as bases e criterios de repartición dos primeiros 450 módulos da primeira fase do Plan Compost do organismo provincial. Ademais das achegas realizadas no encontro de hoxe, os técnicos locais poderán facer máis achegas ata finais da vindeira semana.

O vicepresidente explicoulle ao máis de medio cento de asistentes que "estamos no momento de gañar a batalla dos composteiros comunitarios poñendo en marcha instalacións con garantías de funcionamento para que sirvan de espello positivo e de cabeza tractora para os demais concellos interesados".

Entre as achegas que realizaron os concellos na reunión, a máis importante, e que se incorporará ao texto definitivo, será a ampliación do prazo para presentar as candidaturas dos concellos ata dous meses despois da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (en lugar dun mes). O prazo de presentación dos proxectos para cada proposta de compostaxe comunitaria finalizará, pois, a mediados de xaneiro. Logo, unha comisión de valoración da Deputación fará a escolma dos máis viables nun informe para chegar a unha proposta de resolución definitiva co visto e prace do departamento de Intervención. Segundo asegurou o vicepresidente, deste xeito poderanse instalar os centros a finais de febreiro nas súas localizacións definitivas, data que coincide coa fin da formación dos mestres composteiros.

Compromiso

Mosquera indicou que nas bases de selección das propostas municipais o que máis primará será o compromiso dos veciños e comerciantes da zona para achegar a fracción orgánica do lixo libre de elementos inadecuados (ata 40 puntos). Neste sentido, o borrador das bases esixía unha lista nominativa firmada por todos aqueles veciños que participasen no plan. Finalmente, por solicitude dos concellos, si se esixirá a lista nominativa dos participantes, pero unicamente un compromiso firmado do representante de cada unidade familiar. Outra das incorporacións ao texto das bases será que a poboación esporádica tamén poderá achegar o seu lixo orgánico aos centros comunitarios, por exemplo, os veciños que só residan na vivenda durante a fin de semana.

Outros dos criterios que darán puntuación para os proxectos dos concellos serán que estes acheguen o material estruturante (restos de podas, clareos, limpezas de montes ou terreos) para a mestura coa fracción orgánica do lixo (ata 25 puntos); que se teña estudado como retirar e utilizar o compost obtido (ata 25 puntos) por parte dos veciños ou ben en terreos e xardíns públicos; e que a localización do centro de compostaxe comunitaria sexa a axeitada (ata 10 puntos), tendo en conta o espazo dispoñible, as características do terreo e os seus usos actuais e as características dos espazos limítrofes. O máximo que se pode acadar será 100 puntos por proposta.

Beneficiarios

Os beneficiarios da primeira fase do Plan Compost poderán ser todas as entidades locais da provincia de Pontevedra. Serán os concellos os que deban canalizar as propostas de asociacións, colectivos ou mancomunidades que estean interesadas. En todo caso, a cada entidade local subministraráselle un total de 24 unidades modulares dun metro cúbico cada unha como máximo para formar desde dous centros de compostaxe de maior tamaño (de 12 módulos cada un) ata oito centros de menor tamaño (xa que o mínimo son tres módulos por instalación). A entidade local deberá remitir cada dous anos un informe que acredite o bo funcionamento do centro de compostaxe e, no caso de non ser viable, a Deputación poderá esixir a súa devolución.

Cada centro comunitario de compostaxe poderá atender entre 60 e 300 veciños e estará instalado a un máximo de 300 metros da vivenda máis afastada que participe no plan. O obxectivo da Deputación provincial, segundo insistiu o vicepresidente Mosquera, é que neste mandato se teñan cubertas as necesidades de 240.000 pontevedreses (un cuarto da poboación da provincia).

Individuais e grandes plantas

En calquera caso, Mosquera insistiu en que a implicación dos concellos e veciños participantes é fundamental. "Preferimos instalar 50 centros comunitarios que funcionen ben que 500 que o fagan a medias, incluso deixando o material no almacén... pero estou seguro que, dado o entusiasmo e a implicación existentes, se van repartir todos e haberá que poñer en marcha unha nova fase do plan a mediados do ano que vén", subliñou.

Mosquera lembrou que, ademais dos composteiros comunitarios, a Deputación repartirá composteiros individuais nos diferentes concellos da provincia (o procedemento xa está en marcha) e activará varias solucións para os núcleos urbanos nos que non se poida tratar o lixo orgánico mediante esas dúas vías. As alternativas para as grandes vilas, segundo sinalou, serán o tratamento da fracción orgánica do lixo en plantas existentes (coma a de Ecocelta), a colaboración con grandes produtores de restos orgánicos e a creación de plantas comarcais, que poderían ser viables no Morrazo, Vilagarcía de Arousa ou no Baixo Miño.

Por outra banda, o vicepresidente reiteroulles aos alcaldes e concelleiros que a Deputación porá ao servizo dos concellos os mestres composteiros, que se encargarán do mantemento dos centros de compostaxe comunitario e do asesoramento dos veciños participantes no programa durante un período dun ano. Sinalou tamén que, co fin de acadar os mellores resultados posibles, a institución provincial está a traballar coa Universidade de Vigo e, internamente, coa Estación Fitopatolóxica de Areeiro co fin de potenciar estudos de investigación que relacionen a calidade do compost con beneficios para a terra.


Novas relacionadas