Noticias

A Deputación de Pontevedra dálle vía libre á financiación en Marín da humanización e renovación de servizos no camiño vello de Seixo

Trátase dun investimento de case medio millón de euros con cargo á Liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2020


20 abril 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, reunida de xeito telemático, aprobou un investimento de case medio millón de euros para o concello de Marín con cargo á Liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2020. En concreto, son 499.748,55 euros que están destinados á humanización e a renovación de servizos na rúa Camiño Vello de Seixo.

O tramo de actuación, de 324 metros de lonxitude, é o comprendido desde o inicio da rúa Camiño Vello, onde se xunta coa rúa Doutor Otero Ulloa, ata a altura do mercado municipal de Seixo. O investimento comprende a modificación do espazo para dotar de maior amplitude as beirarrúas, reordenar a zona de aparcamento de vehículos e instalar novos servizos e elementos de mobiliario urbano. Tras as actuacións a zona contará cunha anchura de calzada de 3,5 metros, á que lle hai que sumar 2,20 metros máis naquelas zonas onde están previstos espazos de estacionamento. No que respecta ás anchuras das beirarrúas, estas serán variables e terán en torno aos 2,5 metros. As actuacións proxectadas tamén comprenden a eliminación do illote existente ao inicio do tramo e a ampliación das beirarrúas nesta zona para incorporar pasos de peóns.

Ademais, renovaranse os servizos de augas pluviais e residuais, as instalacións de abastecemento, o soterramento da liña telefónica, o alumeado público (con 25 novos farois) e a pavimentación. Do mesmo xeito, instalaranse papeleiras, nove escavas que contarán cun sistema de rego automático, dous bancos de madeira e sinalización. Aproveitando a realización desta actuación, o proxecto inclúe a obra civil para poder retirar un poste con cablaxe aérea que está situado na beirarrúa da esquina da rúa Camiño Vello coa Estrada Grupo Escolar.